Máis de 3 millóns para manter 2.700 prazas en escolas infantís de iniciativa social

   A Consellería de Traballo e Benestar destinará este ano máis de 3 millóns de euros a manter unhas 2.700 prazas en escolas infantís xestionadas por distintas entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro.

biblioteca infantil   Así o ha aprobado este xoves o Consello da Xunta na súa reunión semanal, na que deu luz verde a esta liña de axudas, que será publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) nos próximos 15 días, e os destinatarios das cales son as entidades que estean inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

Para presentarse deberán cumprir, entre outros, criterios como adaptar as tarifas ás contías máximas dos prezos dos centros de titularidade pública, ou prestar servizos cinco días á semana durante todo o ano, agás festivos sinalados ou causa xustificada.

Segundo indicou a Xunta, estas axudas buscan sufragar custos de persoal, de alimentación, así como outros gastos xerais de mantemento. A convocatoria prevé tamén a concesión dun anticipo de ata o 25 por cento cando o importe da axuda supere os 18.000 euros. Se non se supera esta cantidade, o anticipo poderá chegar ata o 80 por cento.

Deste modo, esta liña de axuda complementa a oferta da rede pública dependente do Goberno galego, xa que presta o seu servizo nas mesmas condicións que estes centros.

INVESTIGACIÓN CLÍNICA

O Goberno galego tamén aprobou o decreto polo que se regulan os comités de ética da investigación clínica en Galicia. Unha medida coa que a Xunta pretende adaptar a norma autonómica á nacional, establecendo unha rede coordinada de comités que dean resposta ás necesidades actuais de control e seguimento da investigación biomédica en Galicia.

Esta rede de comités permitirá aproveitar os anos de experiencia acumulada polo actual Comité ético de investigación clínica de Galicia (CEIC de Galicia), tanto nos aspectos técnicos da avaliación científica, ética e legal dos estudios coma nos aspectos relativos á organización do traballo. Ademais, tamén dará maior axilidade na avaliación ao distribuír as funcións entre o comité autonómico e os comités territoriais.

En concreto, con este novo decreto créase o Comité autonómico de ética da investigación de Galicia, que substitúe o actual CEIC de Galicia. Estará adscrito á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade e entre as súas funcións estará a avaliación dos ensaios clínicos con medicamentos ou produtos sanitarios e os estudios postautorización con medicamentos que se vaian realizar no seu ámbito de actuación.

ACTIVIDADES FORMATIVAS

Por outra banda, a Consellería de Sanidade informou ao Consello de que a Fundación Pública Escola Galega de Administración Sanitaria realizou ao longo do ano 2012 un total de 513 actividades formativas vinculadas a distintos plans e programas que favoreceron unha actualización e mellora na adquisición de contidos e competencias por parte dos profesionais do Sergas.

Segundo detallou a Xunta, abordáronse 256 actividades no plan de formación continuada; 130 cursos no plan estratéxico; así como 45 cursos nos campos da captación médica por medio da simulación médica avanzada, na que se formaron máis de 700 profesionais sanitarios; da profesionalización directiva, da cal se beneficiaron durante o período 2011-2012 uns 25 directivos e durante o 2012-2013 máis de 30.

Así mesmo, apuntou que os contidos do Itinerario de investigación accesibles en Youtube recibiron máis de 7.000 accesos dende a súa posta en marcha nesta canle en outubro de 2012 ata final de ano e se realizaron máis de 2.000 reproducións dende dispositivos móbiles.

Ademais, a Escola Galega de Saúde para cidadáns realizou durante 2012 máis de 240 actividades en toda Galicia ás que asistiron un total de 4.047 cidadáns e nas que participaron un total de 259 relatores.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar