A metade dos concellos ourensáns, beneficiados económicamente polos encoros

Manuel Baltar, na xuntanza de concellos con encoro.
Manuel Baltar, na xuntanza de concellos con encoro.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, afirmou na reunión da Federación nacional de municipios con centrais hidroeléctricas e encoros que “a cooperación intermunicipal, a mellor ferramenta para que os pequenos concellos afronten a grave crise que padecemos”, fai posible, por exemplo, que aqueles municipios que teñen no seu territorio infraestruturas hidroeléctricas e enerxéticas se poidan beneficiar economicamente e reciban o que por lei lles corresponde”. Baltar afirmou que a Deputación de Ourense potencia esta cooperación coa colaboración da Federación nacional de municipios con encoros, o que posibilita que 43 concellos da provincia de Ourense -sobre un total de 92- reciban 6,3 millóns de euros por ter no seu territorio estas infraestruturas enerxéticas. “Uns fondos que supoñen de grande axuda para estes concellos, porque é unha maneira máis de financiar os gobernos locais”, explicou o presidente provincial.

Na xornada técnica, que tivo lugar no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” organizada pola Deputación de Ourense, participaron, xunto ao titular da Deputación, Francisco Sánchez e Javier Gonzalo, coordinador e asesor xurídico da federación, respectivamente, os cales deron conta aos alcaldes dos municipios con encoros das últimas novidades no que atinxe a financiamento e aspectos técnicos, económicos e xurídicos, así como aspectos de actualidade referidos á reforma da Administración Local.

XERACIÓN DE BENEFICIOS

Manuel Baltar, que é presidente da Asociación de municipios con centrais hidroeléctricas en Ourense e membro da comisión executiva nacional, explicou que as empresas hidroeléctricas “xeran unha serie de beneficios económicos que teñen que reverter nos concellos e, por extensión, nos seus cidadáns”, e neste senso, engadiu que a Federación nacional de municipios con encoros “abre unha importante porta para a cooperación, porque desa asociación dos concellos nace unha fortaleza que lles permitirá negociar mellor as condicións para que se recoñezan os dereitos que teñen os concellos que contan con este tipo de infraestruturas hidráulicas”.

A Federación nacional de asociacións e municipios con centrais hidroeléctricas e encoros agrupa a un milleiro de concellos de España –unha oitava parte do total-, e ten como obxectivo avanzar nas melloras medioambientais, económicas, de seguridade e de desenvolvemento social das comarcas onde están situadas presas e embalses.

23 ENCOROS

Na provincia de Ourense son 43 os concellos afectados por presas e encoros, e deles, 19 contan con centrais hidroeléctricas, sendo 23 o total de presas e encoros na provincia de Ourense.
A Federación de asociacións de concellos con encoros e centrais hidroeléctricas ven traballando dende hai anos na defensa dos intereses destes concellos fronte ás grandes multinacionais e empresas hidroeléctricas. O seu labor céntrase principalmente en axudar aos pequenos concellos que teñen carencias en materia de asesoramento xurídico e xestión fiscal. Dende a súa creación, a federación ten conseguido importantes aportes económicos para estes municipios tanto coa xestión directa diante das hidroeléctricas como diante da administración do Estado.
Manuel Baltar defende políticas medioambientais “que sexan especialmente activas e dinámicas nos pequenos concellos do rural, porque a riqueza e a competitividade destes municipios pasa por potenciar accións sostibles e por desenvolver iniciativas en clave ecolóxica e de protección do medio natural”. O presidente provincial afirma que unha provincia como Ourense, caracterizada polo seu potencial hidroeléctrico “debe ser membro activo da Federación de encoros, para colaborar con ela e formar parte da actividade institucional da federación, caracterizada polo asesoramento aos concellos e o desenvolvemento de programas que contribúan a dar solución aos problemas comúns as asociacións e concellos que integran este ente”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar