A de Ourense, terceira Deputación de España con fondos contra os desafiuzamentos

O Fondo Social da Vivenda é o medio para cubrir as necesidades dos afectados por desafuizamentos.
O Fondo Social da Vivenda é o medio para cubrir as necesidades dos afectados por desafuizamentos.

A Deputación de Ourense axudará ás persoas e familias con problemas hipotecarios, principalmente afectadas por desafiuzamentos, por medio da asistencia e asesoramento que ofrece o Fondo Social de Vivendas, un programa ao que se ven de adherir a institución provincial, sendo a primeira deputación galega e a única entidade local da provincia de Ourense que ofrece este servizo, do que só dispoñen dúas deputacións en España.

O feito de que a Deputación de Ourense desenvolva este programa posibilita e garante a asistencia e apoio aos cidadáns da provincia de Ourense que se vexan en circunstancias de ser desafiuzados. Os servizos sociais serán os encargados de avaliar a situación e risco social dos afectados, e trala valoración procederán a instruír o correspondente expediente para a prestación do servizo.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, afirma que non abonda con ter boas palabras de solidariedade coas persoas que están a padecer problemas de desafiuzamento, senón que é necesario actuar, poñer en marcha accións que axuden a solucionarlles o problema, e esta é unha “misión social” que a Deputación de Ourense realiza adheríndose ao convenio do Fondo Social de Vivenda, para participar e contribuír de maneira activa a paliar o drama que sofren moitas familias desafiuzadas ou en proceso de desafiuzamento”.

O procedemento consiste en que os servizos sociais da Deputación de Ourense emitirán, a petición da entidade de crédito, un informe sobre a necesidade ou risco social do solicitante da vivenda, coa finalidade de priorizar a adxudicación de vivendas entre os demandante.

Case todos os bancos asinaron un convenio por medio do cal crean o “Fondo Social de Vivenda”, que pon un número determinado de inmobles para as persoas que foran desaloxadas da súa vivenda habitual a partires do 1 de xaneiro de 2008, por impago do préstamo hipotecario, e que actualmente se atopan en situación de especial vulnerabilidade.

Para determinar o acceso ás vivendas requírese a participación dunha administración local. Desta maneira, a Deputación de Ourense avaliará o cumprimento dos requisitos por parte dos solicitantes e o departamento de Servizos Sociais emitirá posteriormente o informe preceptivo.

Ademais das obrigas derivadas da sinatura do convenio, desde os servizos técnicos da Deputación de Ourense estase a considerar a posibilidade de prestar asesoramento xurídico aos posibles solicitantes, así como colaborar como interlocutor entre as entidades financeiras e os solicitantes, entre outras iniciativas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar