“A arte da guerra” de Sun Zi, importante aportación á cultura galega de Teófilo Comunicación

Teófilo Comunicación, a través da súa división editorial Teófilo Edicións, ten desde hoxe a disposición do público nas librarías un novo proxecto editorial en versión bilingüe -chinés e galego-, “A arte da guerra” de Sun Portada A arte da guerraZi. En concreto, a versión en galego deste destacado clásico foi realizada por Xulio Ríos, director do IGADI e do Observatorio de la Política China (OPCh).

Deste libro se ten dito que é a primeira exposición da arte da guerra que, pola súa descrición e profundidade da súa comprensión, non foi superada ata a data. Escrito a finais do século VI antes da nosa era constitúe o traballo teórico militar máis antigo de China e do mundo que recolle o núcleo da sabedoría da guerra.

As profundas reflexións de Sun Zi fixeron desta publicación unha obra primordial na ciencia militar chinesa, e chegou a ser un importante documento nas academias militares mesmo de diferentes países occidentais. Na actualidade as súas deducións, ademais de seren obxecto de estudo no ámbito da defensa, tamén son aplicables ás relacións internacionais, comerciais e ata aos negocios. Constitúe unha aposta polo diálogo cultural, polo coñecemento mutuo e polo establecemento de pontes que favorezan o desenvolvemento en paz.

Ao longo de trece capítulos, as exposicións de Sun Zi comprenden desde o concepto da guerra ata a construción dun exército e a intelixencia, pasando polas tácticas e estratexias, ou aspectos da teoría militar, sendo moitos deles obxecto de análise e comentario por primeira vez na historia.

Traducido a numerosos idiomas, Teófilo Edicións decidiu editar este libro en chinés e galego como contribución á nosa cultura, sumando deste xeito a nosa lingua ao proceso de universalización desta prezada obra literaria. Unha coidada encadernación en tapas de cor vermella, as súas follas imitando o papel de arroz e as ilustracións do período dos Reinos Combatentes danlle un atractivo especial a esta publicación de pequeno formato que ademais vai embuchada nunha bolsa de tela negra adornada con motivos orientais.

A obra mesmo foi cualificada por empresarios, escritores, editores, xornalistas e responsables da administración chinesa como “a mellor edición coñecida da `Arte da guerra ’ realizada fóra do territorio do xigante asiático” polo nivel de excelencia acadado.

Esta publicación pode adquirirse tamén na tenda online www.teofiloedicions.com. E por outra parte, a editorial está a traballar en novas edicións bilingües de esta obra, en concreto en chinés e castelán, e mesmo en chinés e outras linguas cooficiais de Estado, como o catalán e o euskera.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar