Educación presenta “a folla de ruta” para a evolución do mapa de titulacións

   A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentou este luns aos vicerreitores de titulacións do Sistema Universitario de Galicia (SUG) “a folla de ruta” para a evolución do mapa de titulacións.

   O obxectivo, segundo destaca o departamento de Jesús Vázquez nun comunicado, é que, a partir do curso 2015/2015, a USC, a Uvigo e a UDC conten cunha oferta “de calidade, completa e racional, na que se eliminen as ineficiencias e que Facultad de Ciencias USCsexa altamente competitiva e atractiva” para os alumnos.

Para iso, nun marco de diálogo, a consellería reuniu ao grupo de traballo constituído para facer o seguimento dos títulos de grao universitario e establecer propostas para os posibles cambios do actual mapa de titulacións de grao.

Na reunión, cos vicerreitores, persoal da Secretaría Xeral de Universidades e representantes da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, abordouse o posible calendario de actuacións, segundo indica Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

“Con esta folla de ruta, a consellería busca planificar co tempo necesario a evolución da oferta de graos universitarios en Galicia, abrindo un proceso no que as universidades terán que traballar no seu propio ámbito para elaborar as memorias dos novos títulos ou daqueles que teñan que sufrir algún tipo de cambio”, explica na nota.

Así, asegura que no marco “de ambiente positivo” no que se desenvolveu a reunión, as universidades “se comprometeron a traballar” para achegar propostas de cambios.

ETAPAS

A consellería establece tres etapas, comezado por unha primeira que abarca ata o 15 de xuño deste ano, “tempo no que as universidades recollerán suxestións para trasladarllas, con información acerca das liñas de especialización de cada un dos sete campus, situación actual e perspectivas de graos que non alcanzan a demanda mínima, graos que están duplicados e disposicións ao respecto contidas nos respectivos plans estratéxicos de universidades”.

As universidades tamén deberán encher unha enquisa con apartados sobre alternativas e propostas de mellora dos títulos afectados optando, entre outras posibles vías, pola agrupación de titulacións nos primeiros cursos, fusións, reconversións a ensinanzas virtuais, conversión a títulos universitarios ou simultaneidade de titulacións.

Tras esta, a segunda fase desenvolverase ata o 14 de novembro de 2013 e nela poranse en común as achegas da primeira etapa para chegar a un consenso sobre a definición do novo mapa de titulacións.

Os órganos colexiados deberán aprobar as liñas de especialización docente e investigadora de cada campus e desenvolver as accións necesarias para materializar os acordos interuniversitarios que se acorden no grupo de traballo.

Antes de comezar o último tramo, determinaranse os criterios obxectivos para a concesión de novos títulos de grao e o procedemento de elaboración das memorias de acordo cos requisitos que establece o decreto de titulacións, tanto para modificacións como para novos títulos.

A última fase estenderase ata o 14 de novembro de 2014, data na que a consellería entende que deben presentarse ante a secretaría xeral as propostas definitivas para o seu informe previo de envío a verificación. Esta é a data límite xa que é necesario o período de verificación para que poidan implantarse as propostas no curso 2015/2016, explica.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar