A Deputación de Ourense reduce o pago a proveedores de 18 meses a 50 días

Consello de Dirección da Deputación de Ourense.
Consello de Dirección da Deputación de Ourense.

A Deputación de Ourense reduciu no último ano de 18 meses a 50 días o tempo que tarda en pagar aos seus provedores, un prazo que a Área de Facenda ten como obxectivo seguir reducindo ata conseguir que as facturas da Deputación se paguen como máximo en 30 días. Este foi un dos temas tratados hoxe na reunión do consello de Dirección do ente provincial, presidido polo titular da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen destacou a importancia da coordinación entre as diferentes áreas, servizos e departamentos do goberno provincial “para seguir incrementando a eficacia na xestión e nos servizos que a deputación presta aos cidadáns e aos concellos da provincia de Ourense”.

Precisamente, neste ámbito, a Deputación de Ourense puxo en marcha unha Central Provincial de Compras e un Centro Único de Contratación que teñen como obxectivo “un maior aforro e eficiencia na xestión dos recursos públicos”, afirma Manuel Baltar, unha acción enmarcada no Plan de xestión e estratexia operativa OURENSE 92 da Deputación de Ourense. Baltar destaca que a mellora na xestión e a cooperación cos concellos da provincia “estendémola tamén ao ámbito das compras e da contratación, pois centralizar a súa xestión permitiranos acadar un significativo aforro tanto para a Deputación como para os concellos que nos solicitan este servizo”.

PLANIFICACIÓN

Na xuntanza de hoxe do consello de Dirección analizouse tamén a planificación das seis áreas de xestión do ente provincial, no que atinxe a Administración Xeral, Facenda, Benestar, Medio Ambiente, Infraestruturas e Cultura e Deporte, informouse da data das comisións informativas, que terán lugar o vindeiro 18 de abril; e das actividades formativas que se desenvolverán nas vindeiras semanas, tanto as de carácter interno como externo. Entre estas últimas destaca a celebración o vindeiro 10 de maio dunha xornada sobre o futuro das deputacións, dirixida a alcaldes, concelleiros e secretarios e técnicos municipais, que contará coa presenza do secretario de Estado de Administracións Públicas, Antonio Beteta.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar