‘Nexos’, diálogo entre literatura e outras áreas do saber, no Gaiás

A cultura contemporánea a través das letras, o ciclo co que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria busca establecer un diálogo entre literatura e outras áreas do coñecemento, arrancou hoxe no Gaiás cunha sesión dedicada aos cincuenta anos da obra mestra de Julio Cortázar, Rayuela.

“Herdeiro de Galicia, Ceo das letras, ciclo que estreou con éxito a programación cultural do Gaiás e que durante dous anos festexou aos nosos máis grandes autores, Nexos busca ir un paso máis alá, abríndose a Cidade da cultura_Gaiás_visitantes_actividadeoutras disciplinas pero tomando a literatura como eido condutor”, asegurou na apertura do ciclo a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño.

Tal e como explicou, ao longo de cinco sesións abordaranse temas de actualidade ou inmemoriais mais mantendo a dinámica do seu antecesor: combinación de relatorios con actuacións artísticas que dean lugar a reflexións estimulantes desde un formato lúdico e orixinal.

“Nesta primeira edición de Nexos explorarase o universo filosófico de Rayuela, a irrupción do ollar feminista da man de Clarice Lispector e Virginia Woolf, o controvertido papel do deporte na sociedade actual, o devir e horizontes da cultura labrega tradicional e a capacidade corrosiva do humor fronte a toda afectación e solemnidade”, avanzou González Loroño.

Rayuela, protagonista da sesión inaugural
A sesión inaugural estivo dedicada á peza mestra de Julio Cortázar no seu cincuenta aniversario. Baixo o título 50 anos de Rayuela. A atmosfera intelectual de París e Bos Aires cando Julio Cortázar, público e convidados analizaron non só o revolucionario estilo fragmentario da novela, senón os mundos apaixoantes que describe e os debates filosóficos que a nutren.

Con este cometido estivo no Gaiás un dos maiores especialistas na obra de Cortázar a quen o unía unha grande amizade: o ensaista, crítico de arte e profesor de literatura e cultura hispanoamericana da Universidade de Toulouse-Le Mirail, Jean Liberto Andreu. Tras o seu relatorio, o poeta e director da cátedra Valente da Universidade de Santiago de Compostela, Claudio Rodríguez Fer, amosou unha selección de imaxes comentadas de Cortázar. E como broche de ouro para esta primeira sesión, o cuarteto poético-musical Sin Red estreou en exclusiva para Nexos unha peza inspirada en Rayuela.

Sesión infantil paralela: ler-facer-falar
Nexos conta cunha sección infantil dirixida a nenos de Primaria (de 5 a 12 anos), aos que introducir na relación entre a literatura e os diferentes aspectos da vida, transmitindo a idea de que a través dos libros e da expresión artística podemos entender a realidade, transformala e mellorala.

Cada sesión artéllase baixo unha triple fórmula: ler (na que os nenos farán unha aproximación aos libros a través dunha lectura colectiva ou contacontos), facer (actividades lúdicas nas que aprender divertíndose) e falar (extracción de conclusións e debate e intercambio de ideas no ámbito familiar).

Nesta primeira sesión, Marta Ríos e María Lado foron as encargadas de guiar os xogos cos que os rapaces se achegaron á vida de Cortázar. A través dunha divertida xincana de pistas, os máis pequenos xogaron e aprenderon a tomar decisións, escollendo camiños que acabaron nunha gran Mariola.

O feminismo, o 9 de maio
A seguinte sesión de Nexos terá lugar o sábado 9 de maio no Centro de Innovación Cultural e nela será protagonista o enfoque de xénero a través de dúas grandes figuras das letras: a brasileira Clarice Linspector e Virginia Woolf. Aos relatorios da escritora, feminista e profesora titular de literatura galega na USC Carmen Blanco e da profesora Elena Losada seguirá unha pequena peza de danza contemporánea.

As inscricións, tanto para a sesión de adulto como para a de infantil, abriranse o vindeiro luns 8 de abril en www.cidadedacultura.org e, coma é habitual, serán de balde.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar