Facenda prevé devolver 588 millóns na campaña da Renda

aeat

   A Axencia Tributaria prevé devolver 588 millóns aos contribuíntes galegos na campaña da Renda deste ano, o que supón un 4 por cento menos que en 2011. Pola contra, os ingresos aumentarán un 13 por cento e ascenderán a 337 millóns de euros.

   En rolda de prensa, o delegado da Axencia Tributaria en Galicia, José Luis Rodríguez, sinalou que en total, das 1.267.000 declaracións que se presentarán en Galicia, “o 75 por cento serán a devolver”, precisou. En total, serán 954.000, fronte ás 271.000 a ingresar, por un importe neste caso de 337 millóns de euros.

O delegado de Facenda precisou tamén o inicio este xoves, por parte da Axencia Tributaria, das devolucións do IRPF, 48 horas despois de abrir o prazo para a xestión telemática do borrador de declaración. Así, destacou que en Galicia son xa 22.175 os borradores da Renda confirmados polos contribuíntes, mentres que o ano pasado a cifra non superaba os 9.500, indicou.

Na presentación da Campaña 2012, o delegado de Facenda sinalou que, como novidade este ano, 1,5 millóns de contribuíntes en toda España poderán utilizar por primeira vez o borrador da Renda. En total, serán máis de 21 millóns de borradores e datos fiscais os que Hacienda porá a disposición dos cidadáns.

MÁIS BENEFICIARIOS

Ao respecto, indicou que os novos beneficiarios son: os contribuíntes con perdas de fondos de investimento, os perceptores de subvencións non destinadas a actividades económicas, os contribuíntes que teñan ata oito inmobles non arrendados, os titulares de valores públicos amortizados con rendemento cero e os perceptores de rendementos do capital mobiliarios e inmobiliario procedentes de entidades de atribución de rendas.

Por outra banda, Rodríguez recordou que non están obrigados a declarar os contribuíntes con rendas exclusivamente procedentes do traballo ata un importe de 22.000 euros anuais. O límite redúcese a 11.200 euros se os rendementos proceden de máis dun pagador.

UTILIZACIÓN DE INTERNET

José Luis Rodríguez destacou tamén que Facenda prevé que 15 millóns de contribuíntes en España utilicen o sistema REN0, vía móbil, para a obtención rápida do borrador e datos fiscais sen ter que esperar a recibilo por correo ordinario.

Segundo comentou o delegado de Facenda, en Galicia, na penas 48 horas despois de abrir o prazo, os contribuíntes xa solicitaron máis de 87.600 números de referencia a través deste sistema. Mentres que o ano pasado, por estas mesmas datas, a cifra non alcanzaba as 32.000 peticións.

“ADIANTAR” DEVOLUCIÓNS

Así mesmo, asegurou que, nos últimos tempos, a Axencia Tributaria insiste na potenciación da vía telemática, o que permite, segundo Rodríguez, “adiantar as devolucións”.

Tras o inicio dos servizos telemáticos vinculados ao borrador, o pasado 2 de abril, a seguinte cita no calendario sitúase o próximo día 10, data a partir da cal se poderá descargar de xeito gratuíto o programa Padre por Internet mentres que o 24 deste mesmo mes se poderán presentar as declaracións vinculadas a este programa e a través de Internet.

En calquera caso, recordou que as declaracións que non se presenten por vía telemática se poderán presentar dende o 6 de maio, data dende a que se pode solicitar a cita previa, e a partir do 13 de maio se poden realizar as declaracións nas oficinas da Axencia Tributaria. A Campaña da Renda 2012 conclúe o 1 de xullo.

REVISAR OS DATOS

“O obxectivo da cita previa é ofrecer un servizo personificado a aqueles contribuíntes que o necesiten”, afirmou o delegado de Facenda, quen aconsella aos contribuíntes “comprobar que o borrador estea correcto”.

“Cando o contribuínte recibe o borrador sempre deberá verificalo”, dixo José Luis Rodríguez, que recordou que a Axencia Tributaria non dispón de datos como os cambios nas circunstancias familiares ou aqueles que afecten a inmobles.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar