6,5 millons para a innovación en 266 Pemes galegas

Consello Xunta_040413

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a mobilización de 6,5 millóns de euros en materia de innovación dedicados á pequena e á mediana empresa, a través do programa Innoempresa. Trátase, explicou, “de 6,5 millóns de euros para que as pemes poidan poñer en marcha distintas medidas e actuacións; 6,5 millóns de euros como parte da estratexia para transmitir ás pemes que é necesaria a innovación como unha panca importante desde o punto de vista da competitividade e desde o punto de vista de saír da crise económica”, asegurou.

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, que na súa reunión de hoxe abordou un informe relativo ao Programa Innoempresa, o mandatario autonómico lembrou a aposta do Executivo autonómico pola innovación, consciente, dixo, de que é “unha ferramenta básica, que tarda en producir efectos, pero que é unha das ferramentas máis potentes para mellorar a competitividade da economía galega”.

Nesta liña situou a mobilización de 6,5 millóns de euros en materia de innovación que beneficiará a 266 pequenas e medianas empresas de Galicia, a través de tres liñas básicas de actuación: apoio á innovación organizativa e de xestión avanzada; apoio á innovación tecnolóxica e calidade; e apoio á innovación a través de proxectos de colaboración.

Segundo sinalou Feijóo, na primeira liña de actuación, a destinada á innovación organizativa e de xestión avanzada- “estamos falando de 226 empresas que resultaron beneficiarias, o 90% porque incorporan ferramentas de innovación en xestión avanzada e un total de 14, porque foron capaces de deseñar novos produtos”. No que respecta á segunda liña, beneficiáronse 34 empresas, 18 das cales acadarán certificacións de innovación e 16 incorporarán o desenvolvemento tecnolóxico. E na terceira liña, 6 empresas que colaboraron entre si realizarán actuacións conxuntas para mellorar a súa cadea de valor.

O presidente galego resaltou a aposta do Executivo autonómico pola I+D no tecido produtivo galego, porque –dixo-, no tecido produtivo “é onde se pode producir o emprego e é onde estamos instalados con este compromiso”.

A este respecto lembrou a recente creación da Axencia Galega de Innovación ou a presentación ás dúas convocatorias do programa Interconecta, que permite mobilizar máis de 200 millóns de euros. “Seguimos: 6,5 millóns de euros máis”, deste Programa Innoempresa, incidiu, ademais de lembrar, a presentación, onte mesmo, dos dous vehículos de PSA Citroën que, dixo, representan “a maior aposta de innovación no sector da automoción que nunca se fixo en Galicia, a través do vehículo eléctrico, cunha achega da Xunta de 13 millóns de euros”. “E imos seguir na pequena e mediana empresa, tamén nas multinacionais instaladas en Galicia, porque a innovación sigue sendo unha ferramenta potentísima para mellorar a competitividade da nosa economía”, concluíu.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar