Rueda visita as obras dos novos xulgados de Ourense

Rueda_alcalde Ourense_obras Xugados O Couto

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o delegado territorial en Ourense, Rogelio Martínez, visitaron esta mañá no barrio do Couto as obras do novo edificio xudicial da cidade das Burgas acompañados polo alcade da cidade, Agustín Fernández para comprobar de primeira man o bo ritmo das obras que xa teñen rematada a estrutura de formigón do inmoble.

Rueda destacou que os traballos continúan cos prazos previstos, o que vai permitir á cidade contar cunha infraestrutura xudicial de referencia a comezos do vindeiro ano. Tratase dun edificio singular, funcional e operativo, no que o Goberno galego está a investir máis de 16 millóns de euros; unha cantidade moi importante, especialmente nas actuais circunstancias económicas.

 

 

O novo edificio vai permitir albergar 24 xulgados e concentrar toda a actividade xudicial nun mesmo lugar, ao tempo que gaña un edificio recoñecible, que contribuirá decisivamente á mellora da zona do Couto. Así mesmo, a cidade de Ourense verá duplicados os seus espazos xudiciais con esta nova infraestrutura.

A Administración de Xustiza é unha prioridade do Goberno galego , que consciente da necesidade de dotala dos mellores medios posibles, está a levar a cabo o plan de infraestruturas xudiciais máis ambicioso que se ten feito nunca en Galicia. Esta iniciativa supón un investimento de máis de 100 millóns de euros e conta obras que son xa unha realidade como a que hoxe visitou Rueda.

Do mesmo xeito, están rematadas as obras en Ferrol e Santiago e xa se arrincou o procedemento para iniciar as actuacións en Coruña e en Pontevedra, sempre en colaboración cos concellos, como no caso de Ourense, a quen a Xunta agradece a súa cooperación cedendo os terreos precisos.

A Xunta ten un ambicioso plan de infraestruturas que se completa co chamado Plan Senda, non menos importante, de dotación de novas tecnoloxías nos xulgados galegos, que conta con máis de 30 millóns de euros, que teñen por obxectivo contribuír á mellora do funcionamento da Administración de Xustiza e que redundan no beneficio non só dos profesionais da Xustiza, senón de todos os cidadáns, xa que a Xustiza é un servizo esencial.

Rueda estivo acompañado na visita polo alcalde de Ourense, Agustín Fernández; o presidente da Audiencia, Fernando Alañón; o fiscal provincial, Florentino Delgado; o xuíz decano, Antonio Piña; o decano de avogados, Arturo González; o decano dos procuradores, Ricardo Rodríguez e representantes dos traballadores.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar