A FP convértese nunha “excelente” vía para entrar nun “difícil” mercado laboral, segun a Xunta

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou este martes o incremento de prazas de Formación Profesional (FP) en Galicia e incidiu en que, cos logros dos estudantes, se fp-practicasfai “evidente” que este non é un camiño “de segunda categoría” senón unha vía “excelente” e “probablemente a máis importante” para acceder a un “difícil mercado laboral”.

Así o manifestou tras presidir no Museo Pedagóxico de Galicia a cerimonia de recoñecemento ao alumnado e ao profesorado pola súa participación no II Campionato Galego e nas Olimpíadas de FP, na que estivo acompañado polo conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez.

Neste escenario, o presidente, que contrapuxo a “invertida” relación que hai en España entre a porcentaxe de estudantes que optan por FP e os que o fan pola universidade — moito maior que noutros países europeos — , renovou o compromiso da Xunta cunha FP “moderna” e adaptada ás esixencias do sistema produtivo, con 75 ciclos adaptados, coa ampliación da rede de centros integrados e a implantación da FP a distancia.

“Estamos a traballar para que na educación haxa máis idiomas e máis tecnoloxía. No ámbito universitario, Galicia é a comunidade coas taxas máis baixas de España e, estamos a facer un esforzo especial na FP, cun 38 por cento máis de prazas que hai catro anos, 13.000 prazas máis que fan un total de 48.000 prazas, malia a crise,”, recordou tras a entrega dos recoñecementos.

Na mesma liña, referiuse á implantación de currículos propios na nosa comunidade, con 75 nos últimos anos, a ampliación de centros integrados de FP — un 34 por cento máis de prazas que hai catro anos — e a implantación da FP a distancia, que se imparte en 17 centros de Galicia.

Segundo Feijóo, que celebrou os logros dos estudantes premiados e o traballo dos docentes, estes datos acreditan o traballo e o compromiso da Xunta por configurar unha FP “máis potente” e “sinónimo de alta cualificación e bos profesionais.

PARTICIPAR EN CERTAMES INTERNACIONAIS

No acto, o experto que interveu en nome dos docentes destacou o traballo feito e o elevado número de participantes galegos nestas olimpíadas, mentres o voceiro dos alumnos, ademais de destacar a “experiencia”, aproveitou para introducir unha queixa relativa á participación en certames internacionais.

“Estamos tristes e defraudados por non poder competir nas probas europeas internacionais. Alí poderiamos conseguir os mellores resultados. ¿Por que non?”, preguntouse o representante dos estudantes galardoados.

Pola súa parte, na súa quenda de intervención, Feijóo erixiu os estudantes distinguidos en “exemplo a seguir” no ámbito da FP e manifestou o seu desexo de que “o Ministerio de Educación poida facilitar a participación de Galicia e outras comunidades” en certames europeos e doutros países.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar