A Deputación de Ourense convoca a XII edición do Certame de Artes Plásticas

Deputación Ourense
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica na súa edición de hoxe, día 1 de abril, a convocatoria da XII edición do Certame de Artes Plásticas que anualmente convoca a Deputación de Ourense para artistas menores de 30 anos. Ate o día 31 de maio está aberto o prazo para presentar traballos a este certame, que ten unha dotación de 7.000 euros en premios ao reducir o seu presuposto nun 50% respecto a edicións anteriores.

Esta iniciativa foi unha das primeiras que puxo en marcha a Deputación de Ourense coa apertura do seu Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, para cubrir un valeiro que existía na nosa cidade e recuperar parte da historia da Deputación como promotora de novos valores. Pintura, fotografía, escultura, instalacións, arte dixital, gravado…, calquera expresión artística pode empregarse nos traballos que serán avaliados a primeiros de xuño por un xurado exclusivamente profesional e integrado por directores de museos, críticos de arte, comisarios de exposicións, artistas e representantes de Facultades de Belas Artes.

O ganador recibirá un premio de 3.000 euros, 2.000 euros para o segundo e 1.000 euros para o terceiro, ademais de dous accésits de 500 euros cada un. Esta dotación económica ampliarase cunha exposición e un catálogo no que estarán ademais os traballos seleccionados polo xurado, algo que para os artistas novos é tan importante coma o premio en metálico.

Os traballos deben remitirse ao Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación (rúa Progreso, 30. 32003-Ourense) antes do día 31 de maio do presente ano. Cada concursante pode participar cun máximo de 2 obras. No actual contexto de recesión económica, a Deputación de Ourense decidíu apostar por manter esta iniciativa de apoio aos novos creadores recortando nun 50% cento a súa achega económica, como fixo nos demais certames que ten convocados.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar