50 anos do proceso de normalización lingüistica

esus Vázquez Abal e Ramón Villares.
esus Vázquez Abal e Ramón Villares.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares Paz, asinaron hoxe un protocolo de colaboración para desenvolver un programa de actuacións dirixidas a promover e fomentar o uso da lingua galega en todos os ámbitos sociais. Desta forma ambas as entidades renovan a súa colaboración anual nesta materia, que no 2013 se centrará na conmemoración dos 50 anos do proceso de normalización lingüística.

No acto tamén participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, Henrique Monteagudo.

Actuacións
Ao abeiro deste protocolo, o CCG elaborará o documento audiovisual Cincuenta anos do proceso de normalización lingüística, que recollerá as testesmuños de diferentes intelectuais e persoas que contribuíron a engrandecer a nosa lingua e a favorecer o seu uso en todos os ámbitos da vida social e profesional desde os anos 60.

Ademais, tamén se organizarán os XV Encontros para a Normalización Lingüística, que nesta ocasión afondarán na análise e no debate sobre o proceso normalizador centrándose na evolución do galego no derradeiro medio século e tendo en conta fitos de tanta importancia como a aprobación da Lei de Normalización Lingüística, en 1983, ou o Plan xeral de normalización da lingua galega, no ano 2004.

A terceira das actuacións contempladas no protocolo é a edición dun libro sobre a lingua e a cultura galegas en Cuba, Galicia en Cuba, que recolle diferentes colaboracións do escritor e académico da lingua galega Xosé Neira Vilas.

Colaboración entre as entidades
A Consellería e o CCG iniciaron en 2010 a colaboración en materia de normalización lingüística, cando por primeira vez as dúas entidades asinaron un protocolo de colaboración para favorecer o desenvolvemento de actuacións de dinamización da lingua galega.

Ao abeiro destes protocolos téñense impulsado ferramentas e recursos técnicos para a Rede de Dinamización Lingüística – da que o CCG forma parte-, como a ‘Biblioteca para a normalización lingüística’, o buscador de novas de actualidade relacionadas coa sociolingüística ‘Lingua en titulares’, a plataforma ‘d-Lingua’ -a primeira de recursos compartidos para a dinamización da lingua galega- ou o boletín Novas da Rede de Dinamización Lingüística, destinado a darlles cobertura e difusión aos materiais e recursos técnicos creados pola Rede e polas súas entidades.

Ademais, a Consellería e o CCG colaboran este ano na realización de actividades conmemorativas do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar