Pachi Vázquez fará pública en breve a «decisión xa tomada» sobre a sua candidatura

Pachi Vázquez_despacho EP_PORTADA
O actual secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, comunicará dentro de «pouco tempo» ao seu partido se se presentará á reelección para o cargo no próximo congreso dos socialistas galegos, unha decisión que xa está «tomada», aínda que non a quixo facer pública polo momento.
«Nun período de tempo pequeno comunicarei ao meu partido a decisión», indicou Pachi Vázquez nunha entrevista concedida á Radio Galega e recollida por Europa Press na que indicou que, «por suposto», ten xa a decisión «tomada».
Aínda que Vázquez recoñeceu que «abrir camiños sempre é difícil», mostrouse satisfeito porque «por primeira vez na historia do PSOE», os militantes «votarán» ao secretario xeral, unha «demanda da militancia».
Neste sentido, Vázquez garantiu que se instalarán urnas en todas as agrupacións que teñan un quorum mínimo» e recordou que, para que a sociedade «se implique na formación», é necesario «empezar primeiro por implicar a militancia».
«Estamos a pasar un momento difícil en política e só seremos capaces de recuperar o crédito cando consigamos implicar a miles de almas socialistas», explicou o secretario xeral do PSdeG, que viu «positivo» que nas eleccións haxa «máis dun candidato» á Secretaría Xeral do partido.
Sobre a figura do Alfredo Pérez Rubalcaba, Pachi Vázquez recordou que «foi elixido nun congreso» e que «goza do apoio total da executiva do partido». «Garántolle que imos ter Rubalcaba para rato», sentenciou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar