O «Facho de Donón», en Cangas, convértese en Ben de Interese Cultural

O Diario Oficial de Galicia publicará mañá a declaración como Ben de Interese Cultural, coa categoría de zona arqueolóxica, do Facho de Donón, no termo municipal de Cangas, na provincia de Pontevedra. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria enmarca esta declaración no seu labor de protexer, conservar e difundir unha zona arqueolóxica excepcional e única dentro do ámbito galego e peninsular.

O Facho de Donón, situado no extremo occidental da península do Morrazo, ocupa un promontorio que sobresae na paisaxe, elevado sobre o mar nun cantil de máis de 180 metros, e cun gran dominio visual sobre o océano e as Illas Cíes e Ons. Este lugar, próximo da aldea de Donón e pertencente á parroquia de Santo André de Hío, alberga unha zona arqueolóxica excepcional e única no contexto peninsular.

O seu gran valor xustifícase, principalmente, pola existencia dun notable santuario composto por unha grande cantidade de aras-estela dedicadas a un mesmo deus indíxena; polas características únicas destas; e pola cronoloxía verificada para o culto. Ademais, o lugar acolle sitios arqueolóxicos pertencentes a un arco cronolóxico e tipolóxico moi amplo, xa que inclúe petróglifos e asentamentos humanos desde o século X a.C ao século V d.C, que se corresponden co Bronce Final, Idade do Ferro, Época Romana e comezos da Alta Idade Media.

Esta declaración BIC, a primeira dun santuario precristián de tradición prerromana, establece un ámbito de protección que recoñece os valores singulares deste xacemento, permitindo ademais a súa adecuada protección e conservación. Agora, tamén poderán iniciarse actuacións de posta en valor que permitirán, mediante iniciativas de investigación, documentación e planificación, afondar no seu coñecemento e valorización científica e cultural.

Participación experta e da poboación local na tramitación do expediente
O 19 de decembro de 2011 a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural incoou o procedemento para a declaración como ben de interese cultural do Facho de Donón. A continuación abriuse un prazo para recibir alegacións e solicitáronse diferentes informes consultivos á Universidade de Vigo, á Real Academia de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario, ao Consello da Cultura Galega e á Comisión Territorial do Patrimonio Histórico de Pontevedra, todos os cales emitiron un informe favorable á declaración.

Tendo en conta tanto as recomendacións feitas polos órganos consultados, as alegacións e as demandas formuladas nas conversas mantidas cos veciños afectados, procedeuse a delimitar con carácter definitivo o ámbito do ben e máis do establecemento dos usos e criterios básicos de protección e salvagarda.

A partir de mañá ábrese un período de información pública de dous meses no que os interesados poderán examinar o expediente e alegar o que estimen conveniente nas dependencias administrativas da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Xacemento arqueolóxico excepcional
No que se refire ao santuario, o deus a que se dedican as máis de 175 aras existentes no Facho de Donón recibe o apelativo de ‘Lar Berobreo’ e non se coñece outro lugar no que exista tan alta concentración de aras dedicadas a un mesmo deus indíxena. Estas aras teñen a particularidade de ser ao mesmo tempo estelas fincadas, con connotacións funerarias, e ergueitas por dedicantes anónimos.

Así mesmo, en relación ás aras, consta que comezaron a ser colocadas a finais do século II d.C, durante polo menos cinco ou seis xeracións, ata que a comezos do século V d.C. aparecen indicios de cristianización e o lugar é abandonado. Porén, existen evidencias de actividade cultural anterior ao comezo da colocación das aras-estela, como é a existencia no lugar dun lacus; o que pode retrotraer o uso do lugar como santuario ata finais da Idade do Bronce.

Ao santuario acudían en peregrinación romeiros para agradecerlle ao deus a protección prestada fronte a unha enfermidade grave, de xeito semellante ás romaxes tradicionais e das que é o antecedente máis antigo coñecido; así, as aras-estelas actúan do mesmo xeito que os ex-votos.

Ao lado deste sobranceiro ben patrimonial existe outro que tamén posúe singular relevancia e que está nun excelente estado de conservación, trátase do xacemento de Punxeiros/As Cortes. Este xacemento conforma un espazo agrario fosilizado acompañado de vivendas dun elevado interese patrimonial que, ademais, posúe o dobre valor arqueolóxico e etnolóxico.

Un terceiro valemento deste lugar é o inmaterial, que actúa de forma transversal e sinérxica cos outros. Segundo a tradición lendaria, desde o cantil denominado a Banda da Figueiriña e a Costa do Río parten as ánimas no seu camiño para o Alén, neste sentido os mariñeiros afirmarían ter visto desde o mar as luces das ánimas ou da Compaña no cantil. Isto ten relación coa crenza máis ampla do tránsito das ánimas desde terra firme cara as illas Ons e Cíes e, desde elas, para o Máis Alá.

Por conseguinte, a conxunción no mesmo lugar de todos estes elementos pertencentes ao patrimonio cultural galego outórganlle dabondo a calidade de sobranceiro necesaria para a súa declaración como ben de interese cultural.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar