Os balnearios galegos calculan unha ocupación do 80% durante a Semana Santa

balneario3

A Asociación de Balnearios de Galicia prevé unhas boas taxas de ocupación durante as vacacións de Semana Santa. Dende o organismo estiman que os seus establecementos rexistren unhas cifras próximas ao 80%.

Segundo os datos aportados pola Asociación, a provincia de Ourense será a máis beneficiada nestes días de descanso, cunha ocupación dos seus establecementos termais do 90%. Séguenlles os centros da provincia da Coruña, cunha estimación do 85%. Pola súa parte, os balnearios de Pontevedra presentan unhas cifras moi desiguais, que van dende o 60 ata o 90%. E os establecementos de Lugo son os que mostran unhas previsións menos favorables, cun 65% de ocupación.

balneario2

O secretario tesoureiro da Asociación de Balnearios, Benigno Amor, valora estas cifras como “moi positivas”, en comparación coas estimacións que se agardan para o resto do sector turístico. “Isto significa que os balnearios teñen un prestixio, os usuarios posúen un coñecemento cada vez mellor das súas ofertas e, ademais, existen programas terapéuticos cunha demanda crecente” -sinala-. Nesta liña, salienta que a xente que opta por un balneario por motivos lúdicos pode aproveitar tamén para beneficiarse dos programas terapéuticos destinados a tratar doenzas crónicas como reuma, trastornos respiratorios ou problemas na pel, entre outros.

“O mal tempo non é un impedimento para acudir a un balneario. Son lugares cunha oferta lúdica moi atractiva para todos os públicos e mesmo para as familias a través do programa de Turismo Termal Familiar, que complementa o circuíto no balneario con propostas de lecer no seu contorno” -apunta Amor-. O voceiro da Asociación resalta ademais que “os balnearios son dinamizadores socioeconómicos do territorio no que se sitúan, aínda en tempos de crise”.

A Asociación está integrada por un total de 19 balnearios. Na provincia da Coruña atópanse o balneario de Carballo e o de Compostela (Brión). Na provincia de Lugo están o de Guitiriz e as Termas Romanas de Lugo. Na provincia de Ourense están representados os de Arnoia, Baños de Molgas, Laias (Cenlle), Lobios, O Carballiño e Caldas de Partovia (os dous no Carballiño) e Sousas (Verín). E na provincia de Pontevedra atópanse os de Acuña e Dávila (os dous en Caldas de Reis), Termas de Cuntis, Baños de Brea (Vila de Cruces), Caldelas de Tui, Hotel Balneario Hesperia Isla de La Toja, Gran Hotel La Toja e o Balneario de Mondariz.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar