Obxectivo: prever a violencia contra as mulleres discapacitadas

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentou hoxe o programa sobre a violencia de xénero contra as mulleres con discapacidade -Descubre a nosa realidade-, que desenvolveu o ano pasado a Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) en colaboración coa Xunta de Galicia.

López Abella aproveitou o acto para poñer en valor o movemento asociativo galego feminino da discapacidade, xa que segundo explicou desenvolve un papel fundamental na contribución á consecución de medidas de acción positiva que fomentan a Igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

 

 

Neste sentido, a titular da Igualdade agradeceu o seu labor á presidenta de ACADAR e reforzou o compromiso da Xunta con este e con calquera outra entidade que teña por obxectivo o empoderamento da muller con discapacidade, a reivindicación do cambio social, o incremento da autonomía e a participación social e, en definitiva, a mellora da vida das mulleres con discapacidade de Galicia.

O proxecto de ACADAR naceu como resposta á realidade observada da incidencia da violencia en mulleres con discapacidade e por iso tivo como obxectivos a súa prevención a través da capacitación das/os profesionais de atención directa, así como promover a participación activa das mulleres con discapacidade, especialmente as que teñen maiores dificultadas de mobilidade e as residentes no medio rural.

Para a consecución destes obxectivos, ACADAR levou a cabo tres obradoiros para mulleres con discapacidade nas provincias da Coruña, Ourense e Pontevedra, nos que se incidiu especialmente na participación das mulleres do eido rural a través dun servizo de transporte adaptado.

Nesta actividade participaron máis de 60 mulleres de entre 30 e 50 anos, que presentaban no 90 por cento dos casos uns niveis de autoestima, seguridade e estado emocional moi baixos, que repuntaron tras os obradoiros. Ademais, preto do 20 por cento das participantes mantiveran relacións caracterizadas pola violencia de xénero.

FORMACIÓN PARA PROFESIONAIS

Ademais destes obradoiros, fixéronse dúas edicións do ‘Curso de formación en xénero, discapacidade e violencia contra as mulleres’, dirixido a persoal da Administración pública galega. Estes cursos, de 20 horas de duración cada un, impartíronse na EGAP a máis de 30 profesionais das administracións autonómica e local.

Por último, dentro do proxecto Descubre a nosa realidade creouse unha Biblioteca Dixital sobre a violencia contra as mulleres con discapacidade. Esta biblioteca é accesible dende as páxinas web de ACADAR e da Secretaría Xeral da Igualdade e sirve como soporte de documentación permanente para o conxunto de profesionais que traballan en discapacidade e violencia contra as mulleres.

Para a dotación de contidos á Biblioteca Dixital foi preciso facer a recompilación de toda a documentación existente na materia dispoñible na Internet relativa a discapacidade, xénero e violencia. Os documentos elixidos foron validados tanto polo persoal da entidades como polo persoal de Igualdade, co obxectivo de ofrecer a profesionais a información máis actual e relevante sobre cada temática de cara a facilitar o manexo da ferramenta informática.

ACADAR

ACADAR forma parte de la Confederación Estatal de Mulleres con Discapacidade. Foi constituída por un grupo de mulleres con inquietudes e desexos comúns de alcanzar a igualdade efectiva de oportunidades das mulleres con discapacidade galegas, de reivindicar o cambio social e ofrecer servizos que satisfagan as súas necesidades e expectativas.

A misión da entidade é promover, coordinar e reivindicar a defensa dos dereitos das mulleres con discapacidade en todos os ámbitos da vida, facendo visible a interacción dos diversos factores que condicionan a nosa autonomía e nos sitúan nunha posición con maiores niveis de discriminación.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar