Polo traballo en común dos concellos para acceder ás subvencións

Rueda_Mancomunidade Salnés

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda visitou hoxe o concello de Meaño, onde destacou a importancia da colaboración entre os concellos para o acceso ás axudas e subvencións.
Alfonso Rueda, que estivo acompañado polo delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, pola alcaldesa de Meaño, Lourdes Ucha e por alcaldes da mancomunidade, visitou hoxe as obras levadas a a cabo na Mancomunidade do Salnés grazas ao Fondo de Compensación Ambiental, onde destacou que o fondo ademais dun forte compromiso coas facendas locais e o medio ambiente, é unha clara mostra da aposta da Xunta polo reequilibrio territorial, xa que beneficia sobre todo a municipios pequenos e do interior de Galicia.
Entre os beneficiarios na provincia de Pontevedra está a Mancomunidade do Salnés, no que se levou a cabo unha mellora das redes de saneamento dos concellos de Meaño, Meis e Ribadumia. Para acometer estas obras a Mancomunidade recibiu o ano pasado máis de 100.000 euros na liña competitiva procedente do canon eólico.


Estes concellos, que forman parte da Mancomunidade do Salnés, teñen apostado pola prestación conxunta de servizos, por cooperar para ser máis eficientes e ofrecer o mellor aos seus veciños, e como resaltou o vicepresidente, dende a Xunta estamos a apostar pola colaboración entre concellos e primamos a aqueles que decidan cooperar en iniciativas de xestión compartida, como sucede na Mancomunidade do Salnés que apostou por colaborar e sumar esforzos, o que lle ten permitido reducir ao máximo os custes e poder ofrecer aos seus veciños o mellor servizo dun xeito máis eficiente.
O Fondo de Compensación Ambiental foi posto en marcha polo Goberno galego no ano 2010, procedente do canon eólico, e permitiu que por primeira vez os concellos galegos se beneficien directamente da explotación de enerxía eólica en Galicia. De feito, desde que se puxeron en marcha, máis de 200 concellos galegos se teñen beneficiado destas axudas.
Na mesma liña, Alfonso Rueda avanzou que na orde do Fondo de Compensación Ambiental deste ano, volverase a primar e discriminar positivamente a todos os concellos que presenten iniciativas de prestación de servizos conxuntas. Ademais en todas as ordes de subvencións dirixidas a concellos, se prioricen a aqueles que decidan presentarse de xeito conxunto, polo que a Xunta xa ten identificadas máis de 20 ordes de subvencións, cun montante global de máis de 40 millóns de euros, nas que terán máis puntos á hora do reparto aqueles concellos que aposten pola xestión compartida de servizos, tal e como fixeron o ano pasado os concellos da Mancomunidade do Salnés.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar