O cocido de Lalín chega a Bruxelas

Feira Cocido Lalín en Bruxelas

O director xeral de Relacións Europeas e coa UE, Jesús Gamallo presentou hoxe na sede da Fundación Galicia Europa, a Feira do Cocido, xunto ao rexedor da localidade, Xosé Crespo.

Jesús Gamallo indicou que “a Feira do Cocido representa o símbolo da Galicia interior” e defendeu que “representa a excelencia polos seus produtos e estou convencido -afirmou-, polo traballo de promoción, que pronto obterá a distinción internacional”.

Á presentación da Feira do Cocido en Bruxelas asistiron os embaixadores de España en Bélxica, Ignacio Matellanes, e o embaixador español e representante permanente ante a Unión Europea, Alfonso Dastis, xunto ao alcalde de Lalín. Unha representación institucional de primeiro nivel á que se uniron Ernesto Pena, director xeral de Pesca da Unión Europea, e o lucense José Manuel Silva Rodríguez, director xeral de Agricultura do ente comunitario, ambos números dous dos seus respectivos departamentos.

Na presentación da Feira do Cocido en Bruxelas, un evento co que se avanza na internacionalización da Festa, tamén estiveron presentes os eurodeputados galegos Francisco Millán Mon, que actuou como anfitrión da delegación lalinense no Parlamento Europeo, así como Carmen Fraga e Antolín Sánchez Presedo. Aos galegos sumáronse os tamén membros da Cámara, Carlos Iturgaiz, Salvador Garriga, Pablo Zalba, Rosa Estarás, Santiago Fisas, e os europarlamentarios estranxeiros: Phillipe Buoland (Francia), José Manuel Fernandez (Portugal), Rafal Trzaskowski (Polonia), Angelika Wethmann (Austria), Alain Cadec (Francia), Tunne Kelam (Estonia), Sean Kelly (Irlanda), Miroslav Mikolasik (Eslovaquia) e Crisrtian Preda (Rumania).

Ás 10 nacionalidades representadas na presentación en Bruxelas sumáronse os responsables de medios de comunicación belgas e españois desprazados na Unión Europea que departiron cos cociñeiros, José Luis Iglesias e Álex Iglesias, antes da degustación o prato típico lalinense.

O alcalde de Lalín, José Crespo, fixo un repaso pola historia do Cocido e aproveitou a ocasión para posicionar os produtos lalinenses cos que se elabora o prato típico lalinense, embutidos, produtos da horta e os “nosos queixos e mel” dos que apuntou “a súa calidade está entre as mellores de Galicia”.

O rexedor resaltou diante das personalidades asistentes de dez nacionalidades distintas que “o Cocido é o embaixador da cociña galega, xunguindo tradición e modernidade, ao tempo que aúna os costumes de antes e os de agora”. “O Cocido e Lalín e Lalín -precisou- forman unha perfecta simbiose para retroalimentarse e darse a coñecer ao mundo”. “Alí onde había un grupo de emigrantes galegos, alí nos pediron facer o Cocido, o que nos está axudando a difundilo”, puntualizou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar