Hernández anuncia que a depuradora de Vigo entrará en servizo en 2015

 

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, adiantou na súa visita de hoxe ás obras da EDAR de Vigo que no vindeiro mes de abril asinarase o convenio para a execución da acometida eléctrica da depuradora, un paso máis que permitirá poñer en servizo esta infraestrutura no ano 2015.

Hernández indicou que se está a tramitar o convenio para a execución da acometida eléctrica, por parte da Xunta, Acuanorte, o Concello de Vigo e Unión Fenosa. Trátase dun proxecto que conta cun orzamento de 8,3 millóns de euros que suporá a execución dunha nova subestación eléctrica e unha liña de alta tensión, que irá desde Balaídos ata a ubicación da depuradora, en Coruxo. Este proxecto beneficiará directamente ao barrio de Coruxo, que verá reforzada a súa instalación eléctrica.

A nova EDAR de Vigo consta de tres piares básicos: a xa citada acometida eléctrica, a propia EDAR e o emisario. As obras da estación depuradora comezaron o pasado mes de setembro e avanzan a bo ritmo. Actualmente estanse executando traballos de formigonado dos dixestores. O emisario submarino foi licitado a principios de febreiro por 23,2 millóns de euros, estando previsto que se adxudique no vindeiro mes de xuño.

O titular de Medio Ambiente explicou que aínda que as obras no seu conxunto para mellorar o saneamento de Vigo non concluirán ata finais do ano 2015, xa ao remate deste ano mellorarase a calidade das augas que verten á ría de Vigo coa posta en marcha da EDAR provisional de Coruxo. Esta infraestrutura permitirá levar a cabo xa un tratamento de desinfección das augas mellor do que se está a realizar actualmente, optimizando o proceso de cría de moluscos. Isto posibilitará cumprir cos obxectivos da Unión Europea (UE) no que se refire á calidade microbiolóxica das augas que verten á ría.

Cómpre lembrar que a estación depuradora de Vigo correspóndese co maior investimento que o Goberno galego fixo nunha actuación hidráulica, considerándose unha obra de depuración referente en España. O orzamento desta obra ascende a 230 millóns de euros, dos que a Xunta achega 104,3 millóns; Acuanorte, 112; e o Concello de Vigo, 13,6 millóns. Ademais, non hai que esquecer a importante capacidade de creación de emprego, que estará nunha media de 350 persoas.

Incremento da capacidade
A nova estación depuradora terá unha capacidade de tratamento para 800.000 habitantes, o que a converterá na de maior suficiencia de Galicia, posibilitando así a eliminación dos vertidos á ría e ao río Lagares.

En canto ás características técnicas da EDAR de Vigo, esta infraestrutura deseñouse para eliminar as deficiencias das instalacións existentes que xeran molestias aos cidadáns, impiden unha adecuada xestión e, sobre todo, non teñen capacidade para garantir os obxectivos de calidade para as augas de baño ou a cría de moluscos.

A EDAR actual ten unha importante limitación na capacidade de tratamento, xa que está no límite dos caudais de tempo seco. Por iso, non resulta posible xestionar adecuadamente os caudais e cargas contaminantes que se xeran en tempo de chuvias. O caudal máximo de tratamento das novas instalacións pasa dos 3,0 m3/s actuais, ata un máximo de 12,0 m3/s, superior mesmo á capacidade dos colectores existentes que chegan á EDAR. Por tanto, elimínanse os frecuentes alivios na entrada á EDAR e posibilítase a xestión dos caudais e da contaminación en épocas de choivas.

A nova depuradora incorpora a desinfección do efluente, previo á vertedura ao mar co fin de lograr o esixente criterio de calidade microbiolóxica, para o que a actuación en marcha conta coa execución dun novo emisario submarino. A infraestrutura incorpora procesos para a eliminación de nutrientes que permitirán controlar a eutrofización da ría debida a causas non naturais.

En relación coa afección á contorna inmediata, é reseñable que a configuración da instalación proxectada incorpora no seu deseño medidas para controlar a produción de cheiros e, no seu caso, o seu tratamento. Por iso, todos os procesos están pechados en edificios accesibles e conectados a sistemas de tratamento.

Rexeneración ambiental
O conselleiro de Medio Ambiente sinalou que a nova depuradora vai supoñer unha rexeneración ambiental moi importante e unha maior protección dos valores naturais.
Hernández concretou que se redactou un proxecto de revexetación, restauración e integración paisaxística que contempla a creación dun novo bosque húmido que estará conectado co humidal da Carrasqueira, como medida compensatoria pola execución das obras da depuradora.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar