636 traballadores de NCG piden acollerse ao ERE

Un total de 636 traballadores de NCG Banco pediron acollerse a algunha das medidas previstas no expediente de regulación de emprego (ERE) na primeira fase da súa aplicación.

En concreto, segundo informaron os sindicatos nun comunicado ao equipo, as peticións de prexubilacions «superan amplamente» as 455 establecidas; mentres que 120 persoas solicitaron baixa indemnizada e outras 61 pediron redución de xornada.

Os datos foron trasladados polo banco na primeira reunión da comisión de seguimento do acordo asinado o pasado 14 de febreiro entre a entidade e os sindicatos CC.OO., Csica e UGT, que suman o 81% da representación sindical.

Ademais, estas tres organizacións indicaron que se están a rematar de definir cáles serán as oficinas» nas que se implantará o horario estendido –apertura tamén polas tardes–, que serán 190 en total. «Efectuouse unha preselección de 120 oficinas, das que sairá o número definitivo onde se prevé implantar o novo horario antes do verán», indicaron e apuntaron que a empresa prevé que estean «operativas durante o mes de maio».

Un dos sindicatos que impugnou o ERE, a CIG, considerou, pola súa banda, que o peche do primeiro período voluntario para acollerse ás medidas do expediente mostrou o «fracaso absoluto» das medidas. «Só as prexubilacions, medidas que a CIG quería estender máis alá das limitacións do ‘ERE modelo Bankia’, tiveron unha boa acollida», manifestou este sindicato.

Indicou que se cubriron as 455 prazas de prexubilacions para maiores de 53 anos e «mesmo quedaron fóra 100 persoas que se poderían beneficiar de prosperar a proposta da CIG na mesa». As 120 peticións de baixa indemnizada están lonxe das 1.305 que considera necesarias o banco. «Sen dúbida, incrementarán a presión sobre o cadro de persoal», augurou.

Ademais, a CIG insistiu en que «non se minimizou» o número de afectados polo ERE (formulouse para 2.250 persoas en NCG Banco e asinouse para 1.850), posto que o número de postos de traballo a xornada completa a 31 de decembro de 2017 «continúa sendo o dos 3.334 anunciados pola dirección ao inicio do período previo» de negociación.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar