Satisfacción pola evolución do plan «Interconecta» na provincia de Pontevedra

 

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, resaltou hoxe o papel de Vigo e da provincia de Pontevedra como exemplo de cooperación entre empresas e institucións que ten permitido “poñer en valor o talento xerado” a través da primeira convocatoria do programa Feder-Innterconecta. “É necesario cooperar para innovar, e innovando retomaremos o crecemento”, subliñou Conde durante a súa intervención nunha xornada desenvolvida hoxe na sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra na que se abordou a segunda edición deste programa que se acaba de convocar.

Neste sentido, o titular de Economía e Industria animou aos empresarios vigueses a participar nesta iniciativa e mellorar os resultados obtidos na primeira fase, na que se mobilizaron máis de 60 millóns de euros a través de 26 proxectos nos que participaron 106 empresas: o 45% delas na provincia de Pontevedra, e un 38% de Vigo e a súa comarca.
Este programa permite que “as boas ideas se poidan converter nun proxecto innovador”, proseguiu Conde, que resaltou que no desenvolvemento dos proxectos cooperaron os centros tecnolóxicos e de coñecemento galegos, con preto de vinte participacións, a maioría delas en Pontevedra. Deste xeito, os catro Centros Tecnolóxicos da provincia sumaron case o 65% do total da inversión inducida por estes no Innterconecta I.
“Vigo conta con todo o necesario para acadar e, incluso superar, os resultados da primeira convocatoria”, explicou Conde, quen destacou a importancia de dispor duns Centros Tecnolóxicos “pioneiros nos seus campos de investigación”, dunha universidade “de alto nivel”, de sectores produtivos “que compiten en posicións de cabeza”, e de empresas que “son referencia internacional”.
Neste contexto, o conselleiro destacou a aposta da Xunta por un programa cuxa segunda convocatoria mobilizará este ano en Galicia 150 millóns de euros. “Somos a primeira Comunidade que habilitou unha segunda fase; e somos a Comunidade que máis fondos dispón para a súa execución”, apuntou Conde, subliñando que “grazas a súa solvencia Galicia captou o 40% de todos os fondos tecnolóxicos destinados ao Innterconecta en España.
Ademais, continuou Conde, “temos podido executar o 100% dos Fondos Tecnolóxicos, implicándonos de modo directo na cofinanciación do programa” para que as pemes poidan acceder. Unha implicación que se reflicte no financiamento dos proxectos cunha aportación da Xunta do 20%, e na rebaixa do límite mínimo de 5 millóns a 1, 5 millóns para poder acceder ás liñas de financiamento.
Neste sentido, Conde resaltou que a Xunta está a facer unha aposta moi clara pola innovación como clave para mellorar a competitividade dos sectores produtivos galegos. “A nosa aposta é máis innovación, máis emprendemento, e máis internacionalización como claves da recuperación económica e da creación de emprego de cara o futuro”, destacou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar