As trece cidades Patrimonio da Humanidade profesionalizan a entidade en Santiago

Cidades Patrimonio

As trece Cidades Patrimonio da Humanidade españolas concluíron a asemblea xeral de alcaldes coa aprobación dun orzamento de 1,6 millóns de euros e o nomeamento do primeiro director-xerente nos 20 anos de historia do GCPHE. Aprobáronse así mesmo os actos do 20 aniversario da constitución do grupo, o plan de actuacións para 2013 e a convocatoria dos Premios Patrimonio, entre outros.

«Santiago de Compostela será recordada como a cidade onde comezou a profesionalización das Cidades Patrimonio da Humanidade de España». Así o expresou o Presidente do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade, Pedro Arahuetes García, alcalde de Segovia, na conclusión das dúas xornadas de traballo que reuniron esta fin de semana na capital galega aos trece alcaldes das cidades españolas posuidoras da máxima distinción da Unesco.

Os alcaldes de Segovia, Mérida, Cuenca, Tarragona, Alcalá de Henares, San Cristóbal de la Laguna, Salamanca, Toledo, Ávila, Cáceres, Córdoba, Ibiza e Santiago de Compostela concluíron a asemblea xeral de alcaldes coa aprobación dun orzamento de 1,6 millóns de euros e o nomeamento do primeiro director-xerente nos 20 anos de historia do GCPHE.

A designación recaeu en Ángel Rosado Martínez, que ata agora foi responsable de Comunicación da Fundación Albéniz e superou un proceso de selección feito por unha empresa consultora a nivel nacional entre máis de 700 currículos.

O novo director asumirá a responsabilidade de xerenciar no ano 2013 un orzamento de 1,6 millóns de euros, cantidade na que se integran o orzamento inicial de 1.220.000 euros e un remanente de 380.000 euros pendentes de execución no 2012, procedentes de actividades e ingresos obtidos no pasado ano.

De acordo con Arahuetes, a aprobación deste orzamento era «a prioridade da asemblea, porque con este diñeiro estamos dotando a xestión de todo o ano. Outro feito destacado, porque pecha o deseño da nova estrutura profesionalizada do grupo, é a contratación do director-xerente, que concentrará o traballo de dirección substituíndo a que ata agora foi unha estrutura moi básica para a complexidade do traballo conxunto das trece cidades. Santiago de Compostela será recordada como a cidade onde comezou a nosa profesionalización».

DIFICULTADES ECONÓMICAS

O alcalde de Santiago de Compostela, Ángel Currás, acompañado polo actual presidente das Cidades Patrimonio, Pedro Arahuetes, e por Emiliano García Page, alcalde de Toledo, que a partir de xuño será o novo presidente do Grupo, agradeceu que as 13 cidades escolleran a Santiago de Compostela como sede da Comisión Executiva e a Asemblea celebradas o venres 15 e sábado 16 respectivamente.

«É moi positivo que estas xuntanzas teñan lugar para estabelecer estratexias, avanzar nos problemas comúns das cidades, na defensa do noso patrimonio, nas dificultades que temos en relación coa accesibilidade e mobilidade en cidades históricas e incluso as dificultades financieiras que se crean cando moitos dos monumentos das nosas cidades non aportan o IBI as arcas municipais. Poder abordar estes temas é sempre un éxito».

VINTE ANOS

A Asemblea decidiu así mesmo apoiar a candidatura de San Cristóbal de la Laguna á Capital Europea da Mocidade no ano 2013, e declarar aberta a convocatoria da sexta edición do Premio Patrimonio, que se falla todos os anos no mes de novembro. Ata o 30 de agosto do 2013 poderán presentarse as candidaturas para optar por este premio que distingue as actuacións de conservación do patrimonio nas cidades do grupo.

Os alcaldes aprobaron finalmente os actos centrais de celebración do 20 aniversario da constitución do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade Españolas en 1993, que terán lugar en Ávila el 17 de setembro deste ano. Haberá ademais actos paralelos en todas as cidades membro, para o que se habilitou un orzamento de 125.000 euros.

O GCPHE foi creado no 1993 co gallo de «actuar de maneira conxunta na defensa do patrimonio histórico e cultural destas cidades e no mantemento e potenciación das súas formas de vida, realizando proxectos comúns e establecendo políticas de intercambios de experiencias».

COLABORACIÓN ENTRE ADMINISTRACIÓNS

No comezo da xornada, os trece alcaldes foron recibidos en audiencia polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, no Salón Nobre do Pazo de Raxoi.

Tras ser presentados polo alcalde de Santiago de Compostela, os rexedores falaron con Feijóo sobre a importancia da promoción e protección das cidades españolas distinguidas pola Unesco. Os alcaldes fixeron énfase na necesidade de intensificar a colaboración entre as administracións porque, como sinalou Currás, «a unión dos esforzos favorece o desenvolvemento do patrimonio».

A recepción concluíu coa entrega ao presidente da Xunta da insignia das Cidades Patrimonio da Humanidade por parte do presidente do grupo, Pedro Arahuetes García.

O programa do Grupo de Cidades Patrimonio en Santiago concluíu coa foto de familia nas escaleiras do Pazo de Raxoi e coa visita guiada á Cidade da Cultura.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar