O voceiro do BNG na Coruña autodenúnciase nun caso de desafiuzamento

Xose Manuel Carril_BNG Concello A Coruña

   O voceiro do BNG no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril, presentou unha autodenuncia no xulgado que instrúe a causa contra tres persoas denunciadas por impedir o desaloxo de Aurelia Rey, a octoxenaria coruñesa cuxo desafiuzamento se paralizou pola presión social o pasado mes de febreiro.

   Segundo informa o BNG, o seu voceiro na Casa do concello coruñés presentou nas dependencias xudiciais o escrito no que solicita ser citado, en calidade de denunciado, «ao acto do xuízo de faltas sinalado para o 4 de abril contra tres persoas», sinala.

O voceiro do BNG alega que no atestado policial «queda constancia» da súa participación nas concentracións cidadás que impediron o desaloxo.

Ao fío diso, engade que «sendo certo» que participou nos feitos polos que as outras tres persoas van ser xulgadas «o atestado policial relata uns feitos que non son rigorosos nin se axustan á realidade do que pasou», argumenta.

Ademais, sostén que os feitos que figuran no atestado «non se axustan á legalidade, nin son constitutivos de ningún tipo de responsabilidade penal». Aínda así, afirma que, se se vai xulgar tres persoas, «habería que xulgar a todos» os que estiveron «presentes porque a Xustiza é igual para todos», conclúe.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar