Manuel Baltar reelixido presidente do PP de Ourense co 95 % de los votos

 

Baltar_Congreso PP OUrense 2013

O presidente do XVI Congreso do PP de Ourense, Miguel Santalices, deu a coñecer o resultado dos comicios deste sábado en Ourense, no que houbo 1016 votantes, dos cales 961 elixiron a Manuel Baltar como presidente provincial co 94,59% dos votos, congreso que foi clausurado polo presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo.

O reelixido presidente do Partido Popular de Ourense, Manuel Baltar, anunciou no seu discurso xa como novo presidente do PPOU que o principal sinal de identidade do Partido Popular de Ourense «será a transparencia máxima», afirmando que a sociedade está farta de escoitar «mensaxes a medias» e hai que ser claros: «Os corruptos non teñen cabida na política».
Por elo, no mesmo plenario, diante dos compromisarios e do público, Manuel Baltar interrumpiu o seu discurso para asinar e solicitarlle aos novos membros do comité executivo do PPOU que asinasen con el unha Carta de Compromisos con obrigas éticas e deontolóxicas, «un documento que deberá ser asinado tamén polos militantes populares cando integren unha candidatura electoral ou asuman un cargo público», explicou Baltar e engadiu: «A partires de agora o PP de Ourense convértese nunha forza política con sedes e cargos de cristal, de máxima transparencia, pero irrompibles ante quen só busca destruír e non construír unha sociedade próspera, dialogante e cívica, como a que queremos as mulleres e homes do Partido Popular».

Manuel Baltar recalcou que os corruptos «e todas as súas formas, estratexias e ramificacións non teñen cabida na política». E engadiu que nuns tempos como os actuais «onde algúns prefiren alimentar a crispación e buscan confundir e meter no mesmo saco a todos, é arriscado facer afirmacións como a que eu fago, pero estou convencido de que temos que ser claros coa cidadanía porque a ela nos debemos, e non só lle temos que pedir o seu apoio cando chegas as eleccións. Eu entendo a política como unha campaña electoral del 365 días ao ano, na que os cidadáns che analizan todos os días, e aos que temos que dar conta diariamente».

REXENERACIÓN DEMOCRÁTICA

Por este motivo, Baltar entende que a rexeneración democrática «empeza polo exemplo que temos que dar os políticos». «A única vía para a obrigada rexeneración será que os cidadáns perciban novos comportamentos e actitudes máis ríxidas nas organizacións políticas», explicou, e anunciou que, a partires de agora, «o Partido Popular de Ourense terá un Responsable provincial de Transparencia e contará cun Comité de Dirección que fará públicas na web do noso partido as declaración de bens e de intereses».
Manuel Baltar agradeceu o apoio masivo recibido á súa candidatura, e ás máis de 3.000 persoas que asistiron aos 15 actos celebrados durante a campaña interna polas sedes do partido na provincia. «O meu programa político é o de todos, unhas propostas que se converterán en realidades nos vindeiros tres anos. Un programa que se titula «Máis partido, máis popular e máis Ourense» e que ten os seus cinco eixos baseados no cidadán, na participación, na organización, nos novos órganos e na estratexia, para, entre todos, seguir medrando en credibilidade e confianza, e fornecendo o noso partido. Un partido en clave de igualdade, transparente, municipalista e achegado aos cidadáns como ningún».
O presidente dos populares ourensáns tivo tamén palabras para lembrar «o noso orgullo de ser galegos. Esa honra que temos todos e cada un dos galegos da Galicia territorial, e tamén os nosos paisanos, os seus fillos e netos, na Galeguidade espallada por Europa e América. Aproveito para render homenaxe aos nosos mellores embaixadores: as galegas e galegos da emigración».
Neste senso, Manuel Baltar reivindicou «a autoidentificación como o mellor sustento do galeguismo popular», e resumiu nunha frase os que considera dous grandes obxectivos político-sociais do PP de Ourense: «Popularizar o galeguismo e galeguizar a modernización».
O presidente do PPOU dixo estar «convencido e seguro» do éxito deste proxecto político «porque os cidadáns precisan unha forza estable, que non minta, que non atente contra as sedes doutras formacións, que sexa tolerante e fuxa dos radicalismos, que pense en clave de país e non de posturas persoais, que sume e non reste, que multiplique ilusións e non divida sentimentos. Galicia, e Ourense, precisa un proxecto político sólido, respectable, ambicioso e tolerante», remarcou.
En clave económica, Manuel Baltar afirmou: «É o tempo da política pegada á realidade. O tempo de encontrar solucións e non de crear novos problemas», engadindo que o noso maior adversario é a crise. «A crise que fai que milleiros dos nosos veciños estean pasándoo mal, cidadáns que esperan que saiamos desta reunión cun proxecto político renovado que repare esa situación. Cidadáns que deben crer en nós, que pedimos a súa confianza. Salgamos, pois, hoxe deste pavillón convencidos do noso papel na recuperación socio-económica».
Referíndose ao paro, destacou que hoxe «temos unha gran obriga ante o gravísimo problema do desemprego, pois hai máis de 30.000 ourensáns parados. Tantas familias sen ingresos, deben facer da xeración de emprego o eixo fulcral da nosa acción política». «Por iso -subliñou- dende as administracións que gobernamos grazas ao apoio electoral temos que ser quen de promover as condicións para a creación de postos de traballo. Velaí como debemos actuar para «parar o paro». Paralo para darlle a benvida á prosperidade e á recuperación económica».

COMITÉ MAIORITARIAMENTE FEMININO

Manuel Baltar anunciou tamén que o novo comité executivo do partido estará integrando maioritariamente por mulleres (51%), unha circunstancia que acontece por primeira vez en España. A renovación deste órgano será do 60%, terá unha media de idade de 45 anos e contará con 65% de titulados superiores. Ademais, o 75% teñen experiencia na política local. O novo comité executivo está integrado por 79 membros.
«Estamos nun momento histórico -dixo Baltar-, nun mes especial como o de marzo, no que hai poucos días celebramos o Día da Muller Traballadora. E en Ourense hai maioría de mulleres na nosa poboación, concretamente un 51%. E o PP de Ourense reflectirá este escenario porque estamos nunha provincia en feminino, porque chegaron os tempos de esixir e outorgar o necesario protagonismo da muller. Porque en ningunha outra forza política, a calquera nivel, antes se produciu o que hoxe entre todos vamos a celebrar: anúnciovos, que o PP de Ourense será dirixido maioritariamente por mulleres, que serán maioría no novo comité executivo provincial. Con máis mulleres, faremos máis partido, máis popular e máis Ourense».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar