López Abella avoga pola participación das mulleres en tódalas profesións

Susana_Rosalía_2

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou esta mañá en Padrón nunha mesa-coloquio con motivo do Día Internacional da Muller, onde manifestou que nunha sociedade centrada na igualdade de oportunidades como a actual “as profesións teñen que deixar de ter xénero”.

López Abella destacou que os avances nos dereitos sociais e o acceso á educación da muller lle están a posibilitar internarse en camiños ata agora reservados aos varóns e defendeu a necesidade de potenciar unha participación máis ampla e diversa das mulleres no desenvolvemento económico e social de Galicia, aproveitando o talento feminino.

Neste sentido, a titular de Igualdade asegurou que cada vez son máis as mulleres que comezan a desempeñar a súa actividade profesional en ámbitos que tradicionalmente se consideran masculinos, axudando así a desmitificar certos estereotipos arraigados na nosa sociedade.

Precisamente, na mesa coloquio participaron contando a súa experiencia tres mulleres que son un claro exemplo deste cambio de tendencia: a directora xeral de desenvolvemento pesqueiro da Xunta, Susana Rodriguez; a capitana da Subdelegación de Defensa da Coruña, Josefa Chacón, e a inspectora da Brigada local de estranxeiría do Corpo Nacional de Policía en Santiago, Sonia Rama.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar