«Galicia móvese na boa dirección» afirma Feijóo no Congreso que reelixíu a Baltar

Feijoo_Baltar_Congreso Ourense aplauden_3

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pon os cen primeiros días de goberno como exemplo de que “Galicia se move na boa dirección” fronte a un “tripartito de bipartitos” que tería sido como goberno moito peor do que imaxinaron os galegos nas últimas eleccións, porque tería paralizado a Xunta.
En palabras de Feijóo, afortunadamente, nestes catro anos e nestes cen días, Galicia ten un goberno que se move na boa dirección e a oposición monta os seus circos lonxe dos orzamentos públicos.
Nestes últimos catro anos e nestes cen días, Galicia segue acuñando un modelo propio contra a crise económica.
Así se expresaba o líder do PPdeG na clausura do XVI Congreso provincial do PP de Ourense, onde José Manuel Baltar saíu reelixido presidente da formación para os vindeiros anos. Alí, Feijóo felicitou ao dirixente ourensán polos resultados obtidos e polo seu traballo á fronte do partido na provincia, que ten sido fundamental nas eleccións, tanto nas autonómicas de 2009, como nas municipais e xerais de 2011 e nas últimas autonómicas de 2012.
O líder dos populares galegos deu as grazas aos membros do partido na provincia por demostrar en cada acto que todas as enerxías do PP, todo o esforzo e todas as esperanzas están ao servizo dos cidadáns, para dar resposta ás súas necesidades e para acabar coa crise.

UN PARTIDO UNIDO

Feijóo subliñou que os galegos ven no PPdeG un partido unido que só se alía con eles. Por iso, hai catro anos e tamén hai cen días os cidadáns depositaron a súa confianza nos populares para avanzar xuntos na busca de solucións e sen a división que se tiña instalado en Galicia.
Así, mentres a Xunta e Galicia avanzan, os partidos da oposición quedaron atrapados no día das eleccións, pero non no 21 de outubro do pasado ano, senón no 1 de marzo de 2009.
Por iso, o PSOE segue desunido e a metade do BNG está asociada con Bildu ou ERC mentres que a outra metade está desaparecida pola imposición da UPG. Así mesmo, no hipotético terceiro socio de PSOE e BNG aflora a necesidade de protagonismo das distintas familias que o compoñen: a dos que xogan a partido antisistema e a dos que se din nacionalistas malia que teñan sede en Madrid.

SAÍR DA CRISE

Segundo o presidente do PPdeG, a Xunta loita cada día por parece aos galegos e á súa maneira exemplar de afrontar as dificultades para saír desta crise máis forte, algo que se conseguirá se todos estamos unidos e non se desaproveita a valía dos galegos con desputas que non benefician a ninguén.
Así, Galicia está loitando contra o problema do déficit e sairá desta crise cunhas contas máis fortes contra as adversidades. De feito, xa é referente de solvencia desde 2009 e volverao ser este ano.
Feijóo tamén subliñou que a comunidade está a loitar contra as dificultades que teñen todos os emprendedores e cre que sairá da crise en mellor situación que o resto de España. Trátase dunha loita que non é en van, porque de feito os indicadores económicos presentan mellor comportamento que a media nacional.
Así mesmo, Galicia loita por manter unha sanidade pública sostible e accesible para todos e saíra desta crise con máis e mellor sanidade. De feito, na propia provincia de Ourense por fin se está facendo realidade un hospital público ampliado e á altura do que merecen os cidadáns.
O líder do PPdeG tamén destacou a loita do Goberno galego pola educación pública, na que se está reducindo o fracaso escolar, que chega a todos e que sairá desta crise con máis contidos, máis tecnoloxía e cunha política lingüística avalada pola Xustiza.
Así mesmo, Galicia está mantendo as prestacións sociais e saíra desta crise con 10.000 prazas públicas de servizos sociais.

«O PARTIDO QUE MÁIS SE PARECE A GALICIA»

Feijóo asegurou que o modelo do PPdeG é Galicia e o seu compromiso é a comunidade, e por ela seguirán traballando para superar todas as dificultades e seguirán controlando as contas, fronte ás críticas que profiren aqueles que agravaron a crise coa súa nefasta xestión.
Para o dirixente popular, é sorprendente que os mesmos que quebraron os servizos públicos neguen os esforzos que se está a facer para blindalos; e que todos aqueles que miraron para outro lado mentres se emitían sen control preferentes e ignoraron as dificultades de sectores estratéxicos agora utilicen o sufrimento dos afectados no seu propio beneficio.
Neste senso, Feijóo remarcou que o compromiso dos populares é Galicia e por ela seguirán apostando por mellorar a sanidade, a educación e os servizos sociais públicos e seguirán a carón dos cidadáns cunha política coa que se sintan identificados.
Ante calquera tentación de tirar a toalla, para os populares hai unha razón superior que os empuxa a seguir adiante, e que é cada galego e cada galega que necesita apoio.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar