Oito novos veículos de emerxencia para o Consorcio de Bombeiros da Coruña

 

Coches bombeiros A Coruña

Xunta e Deputación da Coruña entregan oito novos vehículos de emerxencias ao Consorcio Provincial de Bombeiros
Alfonso Rueda e Diego Calvo participaron no acto de entrega de 4 vehículos de mando e 4 furgóns de servizos aos parques de Arteixo, Betanzos, Boiro e Carballo
Destacaron que a colaboración entre administracións é esencial para a xestión das emerxencias e avogaron por estendela a outros ámbitos
Os oito vehículos supuxeron un investimento de case un millón de euros, sufragados a partes iguais pola Xunta e a Deputación da Coruña
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, entregaron esta mañá en Carballo oito novos vehículos ao Consorcio Provincial de Contraincendios e Salvamento da Coruña, que lles facilitarán o seu traballo diario na xestión das emerxencias e mellorará o servizo ofrecido aos cidadáns da provincia.
En concreto os vehículos repartiranse entre catro parques do consorcio: Arteixo, Betanzos, Boiro e Carballo, que son os de maior actividade, xa que asumen tres de cada catro intervencións na provincia. Cada parque recibirá un vehículo de mando e un furgón de servizos varios.
Rueda e Calvo lembraron que os gastos do consorcio provincial son sufragados ao 50 por cento pola Xunta e a Deputación da Coruña e que estes vehículos supuxeron un investimento de case un millón de euros. A esta cantidade habería que sumarlle os máis de 9 millóns de orzamento que ten o ente para este exercicio e os preto de 800.000 euros nas obras de mellora que se van facer na maioría dos parques este ano.
Precisamente, ambos coincidiron en destacar a cooperación entre administracións, como unha das claves do bo funcionamento dos servizos de emerxencias. Segundo explicaron, a frutífera colaboración entre a Xunta, deputacións e concellos é un excelente exemplo que se podería estender a outros ámbitos, xa que os grandes beneficiados serán os cidadáns.
Grazas a este exemplo de suma de esforzos entre administracións, Galicia pasou en poucos anos de contar só con parques de bombeiros nas grandes cidades a que a día de hoxe dispoñamos doutros 25 parques comarcais. Este primeiro chanzo na resposta ante as emerxencias, se verá reforzado antes deste verán pola posta en marcha de 25 grupos de emerxencia supramunicipal, que completarán así o mapa de emerxencias de Galicia.
Neste novo modelo apostouse de novo pola cooperación entre Administracións, xa que foi consensuado entre a Xunta, a Fegamp e as catro deputacións, co obxectivo de ofrecer a cobertura da maior parte do territorio, eliminando duplicidades, e ofrecendo un servizo estable e profesional a todos os galegos e galegas.
Oito novos vehículos
Os vehículos cedidos esta mañá son 4 Pick-Up, Nissan Navara, que se usarán como vehículos de mando e como apoio nas intervencións, para levar material ou persoal; e 4 Furgóns de Servicios Varios, Mercedes Sprinter, que se utilizarán para intervencións cortas e rápidas, como incendios de vehículos, en contenedores, rescate de persoas atrapadas en vehículos ou acantilados, pequenos lumes en cociñas, etcétera.
Estes catro furgóns van equipados con equipos de excarceración, sets de apuntalamento de vehículos, apuntalamentos de vivendas, unha bomba portátil de alta presión e mástil telescópico, entre outras prestacións.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar