O sector da contrucción vaise reorientar á rehabilitación co apoio da Xunta

 

Feijóo e Hernández, con representantes do sector da contrucción.
Feijóo e Hernández, con representantes do sector da contrucción.

 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, renovou, hoxe, o compromiso da Xunta co sector da construción e referiuse á rehabilitación como unha fórmula para reorientar o sector castigado pola crise, para revitalizar os cascos históricos e zonas rurais e para facilitar á cidadanía o acceso a unha vivenda digna.
Feijóo amosouse convencido de que todo o investimento público que se destine á rehabilitación repercutirá positivamente na mellora da calidade de vida dos cidadáns e, en consecuencia, no seu benestar. E, como mostra dese compromiso, destacou que neste 2013, a Xunta seguirá traballando cunha nova convocatoria de axudas para a rehabilitación; unha partida exclusivamente autonómica, por un importe de 3,2 millóns de euros, destinados integramente ao remate de fachadas e cubertas, e á rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos Camiños de Santiago.
Así mesmo, lembrou que só durante o ano pasado se realizou, en colaboración co Ministerio de Fomento, o pagamento de preto de 10 millóns de euros correspondentes ao Programa de Áreas de Rehabilitación Integral (ARI), axudas directas aos cidadáns que opten por mellorar as súas vivendas.
Neste mesmo eido, o titular do Goberno galego subliñou que Galicia foi sempre un referente na creación e impulso das áreas de rehabilitación ao longo do seu territorio. “E, hoxe en día, un 40% dos municipios galegos, máis que en ningunha outra comunidade, se teñen sumado a esta fórmula coa que habilitar o seu patrimonio ou espazos rurais, e dispoñen de oficinas e áreas de rehabilitación propias”.
Feijóo asegurou que todo o traballo de rehabilitación que se acometa nestas zonas do rural axudará a fixar poboación con mellores condicións de vida e a potenciar economicamente as empresas locais. Como dato significativo, recordou que o Plan de rehabilitación de vivendas no medio rural ten permitido rehabilitar, desde 1990, en toda a comunidade máis de 70.000 vivendas; e o programa de rehabilitación de vivendas en conxuntos históricos, que se puxo en marcha pola década dos noventa, permitiu, desde entón, rehabilitar máis de 5.000 vivendas en espazos dalgunhas vilas e cidades galegas que, doutra maneira, estarían abocados ao abandono e á despoboación.
Por último, o responsable autonómico avanzou, tamén, que a Xunta xa está ultimando a renovación para este ano do convenio de colaboración asinado con ASEMACO, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo, para fomentar a rehabilitación facilitando o financiamento na compra dos materiais de construción. “Estamos a falar dunha importantísima axuda que permite obter un crédito sen xuros para poder executar as obras. Grazas a este programa, nos últimos anos, téñense executado máis de 9.000 operacións por un valor superior a 14 millóns de euros”.
Feijóo concluíu asegurando que a Xunta continuará colaborando na difusión deste sistema de crédito de ASEMACO, Credisemaco; “porque contribuír a facilitar estas posibilidades de financiamento –dixo- é un paso máis na firme aposta que a Xunta ten no eido da rehabilitación”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar