O comedor escolar deixará de ser gratis para a terceira parte dos usuarios

O comedor escolar xestionado directamente pola Consellería de Educación deixará de ser gratuíto para un 34,25 dos usuarios en centros públicos galegos, mentres que o prezo máximo do menú por día ascende de 3,21 a 4,5 euros.

Ata agora este servizo non supoñía custo ningún para un 91,82 por cento das familias naqueles comedores xestionados directamente por Educación, cifra que agora descende ata o 56,74 por cento dos usuarios. Así mesmo, desvincularase a condición de beneficiario de transporte escolar coa gratuidade total nestes espazos.

O obxectivo, segundo explicou en rolda de prensa o secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Jesús Oitavén, é garantir a «sostenibilidade» dunha «ampla» rede de comedores escolares, para poder así incrementar os usuarios ata os 66.805 no horizonte do curso 2016-2017. Deste modo, este departamento prevé asumir o 60 por cento daqueles que están xestionados polas ANPA (unhas 6.800 prazas), e crear 2.385 prazas de xestión directa ou indirecta.

A Xunta establecerá un novo sistema de prezos públicos que permitirá calcular o custo a pagar baseándose en tres grupos diferenciados de familia e intervalos de renda neta. O copagamento non se estenderá ao transporte escolar, segundo aclarou Oitavén, quen non explicou qué solución se aplicará para aqueles alumnos que traen a súa propia comida ao centro, dado que a Lei de Seguridade Alimentaria impide mesturar estes alimentos con aqueles elaborados no comedor.

Segundo o cálculo realizado baseándose nos datos de renda das familias ao concluír 2011, Educación calcula que un 10,87 por cento pagará un euro por menú, un 8,41 por cento aboará 2,5 euros, e un 23,99 por cento terá que asumir o custo máximo de 4,5 euros.

TRAMOS DE RENDA ESTIMADOS

As familias cun único fillo (67%) que sexan monoparentais terán comedor gratis se perciben uns ingresos mensuais netos iguais ou inferiores a 1.000 euros ao mes; pagarán un euro ao día se perciben entre 1.001 e 1.142 euros; 2,5 euros entre 1.143 e 1.285; e 4,5 se superan os 1.286.

Aquelas con dous proxenitores gozarán de gratuidade total se perciben 1.500 euros ou menos ao mes; pagarán un euro aquelas con ingresos mensuais de entre 1.501 e 1.715; 2,5 euros entre 1.715 e 1.928; e 4,5 euros aquelas con renda superior a 1.929 euros mensuais.

Por outro lado, familias con dous fillos (o 28%) que sexan monoparentais gozarán de gratuidade total se ingresan 1.500 euros ou menos ao mes; pagarán un euro ao día as que se sitúen no intervalo de 1.501 euros e 1.714; 2,5 entre 1.715 e 1.928 euros; e 4,5 aquelas rendas superiores a 1.929 euros.

No caso daquelas con dous proxenitores e dous fillos, o comedor será gratis para rendas de 2.000 euros ou menos; pagarán un euro ao día as que se sitúen entre 2.001 e 2.285 euros; 2,5 euros entre ingresos de 2.286 e 2.571 euros ao mes; e 4,5 euros aquelas con ingresos superiores a 2.572 euros.

Finalmente, as familias numerosas monoparentais serán beneficiarias de gratuidade se perciben 2.000 euros ou menos ao mes, e pagarán un euros o seu superan os 2.000 euros. Aquelas con dous proxenitores, gozarán de comedor gratis se os seus ingresos mensuais netos se gañan 2.500 euros ou menos ao mes, mentres que pagarán un euro se superan a devandita cifra.

GRATUÍTO PARA COLABORADORES DO COMEDOR

A estimación avanzada por Oitavén apunta a que un 77,5 por cento das familias numerosas terán comedor gratis, ademais dun 67,59 por cento a aquelas con dous fillos e un 50,81 por cento a familias cun só fillo.

Por outro lado, o secretario xeral técnico sinalou ademais que o persoal que colabora co comedor continuarán sendo usuarios gratuítos deste, mentres que o persoal non colaborador terá que pagar o custo do servizo, uns 4,5 euros.

TAXAS DE ENSINANZAS DE RÉXIME ESPECIAL

Por outro lado, Oitavén avanzou no mesmo acto a actualización de prezos e taxas para ensinanzas de réxime especial (artísticas, deportivas e de idiomas).

Para Escolas Oficiais de Idiomas, o custo ascenderá de 81 euros a 105; en ensinanzas deportivas será de 168 euros de media; en Conservatorios Elementais aumentará de 90 a 150 euros e en Conservatorios Profesionais o prezo subirá de 150 a 245 euros.

No caso de Conservatorios Superiores de música, o prezo público cariará de 300 euros 483, mentres que en escolas superiores de arte dramática será de 483 euros. Finalmente, o custo de ensinanzas superiores de artes plásticas e de deseño subirá dos 180 euros actuais a 295 euros.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar