A neve deixou sen clases a case cinco mil alumnos

 

   A presenza de neve na calzada, que dificulta a circulación pola rede viaria galega, provocou que 4.800 alumnos de 78 centros de ensino situados nas catro provincias galegas non puideran asistir este mércores a clases, segundo confirmaron a Europa Press fontes da Consellería de Educación.

A provincia máis afectada é Lugo, onde as dificultades de circulación para o transporte escolar afectaron 3.726 alumnos de 59 centros escolares.

Pola súa banda, na provincia da Coruña non puideron acudir ás aulas 904 alumnos de nove centros, ao igual que 94 estudantes de sete colexios de Ourense e 76 escolares de tres centros da provincia de Pontevedra.

En función da evolución meteorolóxica nas próximas horas, os directores de centros das zonas máis afectadas polas nevadas poderían decidir anticipar a hora de saída dos colexios para preservar a seguridade dos alumnos, segundo informaron fontes da Consellería de Educación.

PREDICIÓNS

A cota de neve descendeu este mércores en Galicia ata os 200-300 metros nas primeiras horas da xornada, aínda que está previsto que ascenda os 500 metros pola tarde. A iso hai que agregar as intensas xeadas rexistradas nas bisbarras do interior, así como os chuvascos máis intensos no norte das provincias da Coruña e de Lugo.

A situación meteorolóxica para o xoves experimentará unha lixeira melloría, de forma que as precipitacións en forma neve están previstas por enriba dos 600 metros pola mañá, unha cota que subirá ata os 800 metros xa pola tarde, cando as precipitacións serán máis ocasionais. Aínda que o servizo de MeteoGalicia prognostica que as temperaturas experimentarán un lixeiro ascenso, prevense aínda xeadas no interior.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar