A Catedral de Santiago impulsa as visitas guiadas

Pórtico da Gloria da Catedral compostelá.

A Fundación Catedral de Santiago, en colaboración coa Fundación Barrié, reactivará esta mesma semana as visitas guiadas ao Pórtico da Gloria dende as estadas instaladas para a súa restauración, aínda que, nesta ocasión, os visitantes deberán aboar unha tarifa de 10 euros que incluirá, ademais, a entrada ao Museo e ao Pazo de Xelmírez.

Así anunciouno este luns o responsable da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, quen sinalou que a intención desta tarifa é «concienciar» á sociedade sobre que «non é posible, cos medios que hai neste momento, facer a conservación preventiva e a rehabilitación» dos distintos elementos patrimoniais da Catedral.

«Isto é un xeito tamén de facer partícipe á sociedade», sentenciou Lorenzo, ao tempo que indicou que se fará unha visita especial para os participantes, nas que subirá ás estadas instaladas para a restauración do Pórtico para ver o elemento con detalle e dende unha «perspectiva inigualable». Aínda que se contará cun guía ‘in situ’, os participantes –un máximo de 12– terán unha explicación previa do pórtico, na cripta, grazas a unha recreación dixital en tres dimensións.

O responsable da Fundación Catedral precisou que as visitas serán tres pola mañá e tres pola tarde de luns a venres, cinco ao longo do sábado e catro o domingo. «Non se trata de conseguir muchísimos ingresos, pero si de concienciar», indicou o cóengo, que apostou por que o monumento «siga accesible» a pesar dos traballos para a súa rehabilitación.

Daniel Lorenzo recordou que, no seu momento, as visitas guiadas ao Pórtico se interromperon pola necesidade de monitorización do monumento, o que facía importante que non se rexistrasen vibracións na estrutura. Rematado este período, as visitas reactívanse e Lorenzo deixa mesmo aberto que poidan realizarse durante as tarefas de restauración.

Os fondos que se obteñan nestas visitas, así como cos restantes programas de visitas guiadas da Fundación Catedral, estarán destinados á conservación preventiva da basílica e, os «remanentes» desta tarefa, se os hai, irán para as obras de restauración.
FUNDACIÓN

No acto de presentación participou tamén o director da Fundación Barrié, Javier López, que resaltou a importancia de retomar estas visitas. Así, recordou que dende marzo de 2009 ata xullo de 2010, o programa de visitas guiadas contou con case 20.000 visitas. Pola súa banda, o programa didáctico Pórtico Virtual, contou coa participación de 44.000 persoas dende xullo de 2010 ata o pasado mes de decembro.

O director da Fundación Barrié explicou que a entidade está «moi concentrada» na actuación no Pórtico da Gloria, e apostou por «coordinar» este proxecto coa futura restauración das torres e a fachada da Catedral para evitar a entrada de auga.

«É necesario cortar as entradas de auga, que é o que nos permitirá intervir sobre o Pórtico,», sentenciou Javier López, que descartou poñer un prazo de finalización para estas obras, dado que, primeiro, é necesario interromper a entrada de auga.
INTERVENCIÓN NAS TORRES

Pola súa banda, Daniel Lorenzo, recordou a complexidade do proxecto de restauración das torres e da zona horizontal da peita, unha intervención que precisa dunha inversión de 2,6 millóns de euros.

Dado que esta cantidade é improbable que se logre, Daniel Lorenzo apostou por «priorizar» e «ver que é o máis urxente», que abrangue a torre sur e a peita, dado que é por onde se está a filtrar unha maior cantidade de auga.

En todo caso, o cóengo apostou por «optimizar a inversión en medios auxiliares», dado que as estadas «son moi custosas» e traballar de modo que «cada torre quede rematada completamente». Aínda que pode facerse a obra por partes, Daniel Lorenzo indicou que se actuará de forma que o espazo sobre o que se intervén queda rematado», para que non se multipliquen os gastos de montado e desmontado de estadas. Ademais de cortar a entrada de auga, dentro destas actuacións é importante, indicou, recuperar «a ventilación» da zona.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar