A Academia Galega recorre ante o Supremo o decreto do plurilingüismo

 

   A Real Academia Galega (RAG) presentou un recurso de casación ante o Tribunal Supremo contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) sobre o chamado decreto do plurilingüismo, que anulou parte de dous dos seus artigos.

Por iso e dado que este fallo só afectou á consulta vinculante aos pais sobre o uso do idioma e a libre elección na aula dos alumnos, sen afectar a outros apartados, a institución académica pediu a «anulación total» do decreto.

Non obstante, o presidente da RAG, Xosé Luis Méndez Ferrín, mostrou a disposición da Academia a retiralo se a Xunta opta por sentar «a falar», apelando ao «consenso» do Plan de Normalización Lingüística de 2004, e recordou que Educación ten ata o día 15 para presentar o seu propio recurso.

En rolda de prensa, Ferrín explicou que a institución acordou «por unanimidade» presentar o recurso, que formalizou o pasado 4 de marzo, despois de que a Xunta de Galicia presentase, con data 14 de decembro de 2012, un escrito de preparación de casación que ratificou sete días despois.

Non obstante, indicou que, ata esgotar o prazo para presentar o recurso, a Academia esperou unha «reacción» por parte da Administración autonómica aínda que, ao non se producir ese «diálogo», se viron «obrigados» a presentar o recurso contra un decreto «que se afasta do mandato normalizador».

DECRETO «RETRÓGRADO»

«A Xunta foi quen empezou», dixo tamén Ferrín ao xustificar a decisión adoptada, que atribuíu ao papel da RAG de «defensa do idioma galego». Neste sentido, criticou que o Executivo galego non pediu no seu día a esta institución, «como a lei di, un informe preceptivo e non vinculante antes de aprobar o decreto do plurilingüismo.

Ademais, recalcou que a RAG recomendou actuar «co maior grao de acordo posible». «Teño nostalxia dos tempos nos que no Parlamento había consenso sobre o idioma», subliñou Ferrín ao referirse ao que cualificou como o «decreto da discordia» e que acusou de «retrógrado e reaccionario».

Ferrín manifestou que este texto resulta «lesivo» para o galego e supón «un paso atrás» no proceso de normalización lingüística. Por iso, recalcou que, malia que o fallo do TSXG anulou parte de dous dos seus artigos, no seu recurso piden a «anulación total» da norma por ser «o bo» para Galicia.

RECUPERAR O «CONSENSO»

Na súa defensa da necesidade de recuperar o «consenso» do Plan de Normalización Lingüística de 2004, Ferrín advertiu tamén que o idioma «vale máis que o Pórtico da Gloria», facendo un símil coas obras acometidas na catedral de Santiago.

Así mesmo, apelou á «obriga constitucional, estatutaria e legal» da Xunta de Galicia e «todos os poderes públicos» de promover «con políticas activas» a normalización do galego, insistindo en que o sistema educativo «é decisivo para asegurar un bo coñecemento do idioma».

Por iso, tanto Ferrín como outros académicos, entre eles Manuel González, membro da executiva, volveron expresar a súa disposición ao «diálogo» e recalcaron que a Academia solo busca «a defensa» do galego.

O presidente da RAG, convencido de que o recurso está destinado a «imprimir un novo rumbo na política cultural» en Galicia», mostrou a disposición da Academia a retiralo «para sentar a falar» coa Administración autonómica, dado que ata agora as súas relacións foron «excelentes, salvo neste punto».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar