Dous centros galegos na Arxentina anuncian a Rueda a sua fusión

 

Rueda e Miranda, nunha xuntanza coas entidades galegas.

 

Dúas asociacións de emigrantes galegos en Bos Aires teñen anunciado oficialmente que comezan o camiño da unión. Trátase da Asociación Unión del Partido Judicial de Ordes, no municipio Valentín Alsina nas aforas de Buenos Aires, e a Asociación Hijos de Buján, na propia capital.

Cómpre salientar que a primeira, fundada en 1923 e que conta con case medio millar de socios, é xa precisamente froito da fusión de catro entidades a finais de 1939. No caso da segunda, aglutina en boa parte aos centenares de emigrados, e os seus descendentes, que durante o pasado século se asentaron en Bos Aires provenientes do concello coruñés de Val do Dubra.

O anuncio realizado por estas dúas entidades ven a reforzar a mensaxe que o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, están a levar estes días por Arxentina e Uruguai á colectividade galega: a unión das entidades implica maior capacidade de confrontar con garantías o futuro, sen renunciar á cadansúa personalidade.

 

Atención social

Os mandatarios galegos insistiron neste aspecto na súa xuntanza cos representantes das colectividades galegas de ambos países, aos que ademais garantiron todo o apoio do Goberno galego para preservar os programas de atención social a galegas e galegos, moitos deles anciáns, alí residentes e en situación máis precaria.

 

Igualmente, e en sintonía co expresado en numerosas ocasións polo presidente Feijoo, recalcaron a natureza de embaixador natural de Galicia que posúe cada emigrante, e invitaron á súa colaboración na tarefa de axudar á proxección internacional da economía galega, identificando as capacidades de expansión que ofrezan os mercados de América do Sur, e servindo de ponte para os investimentos destes países na Galicia territorial. Desta maneira, poden contribuír á saída da actual situación de dificultade económica que atravesa.

 

Estes aspectos, canda outros como o fornecemento do papel da muller e da mocidade na diáspora, forman parte da nova Lei de Galeguidade, arestora a debate no Parlamento galego, e que Rodríguez Miranda expuxo con detemento aos asistentes á reunión de traballo cos presidentes das asociacións que representan á emigración galega en ambos países.

 

En Mar del Plata

O vicepresidente e o secretario xeral participaron este mediodía na romaría festiva da colectividade galega en Mar del Plata, a ocasión anual en que de maneira máis salientable se dá encontro a diáspora galega da zona, e á que asistiron máis de trescentas persoas. Mar del Plata é unha localidade, a uns 400 quilómetros da capital, que aglutina a boa parte da colonia galega fóra de Buenos Aires.

 

Rueda e Miranda visitaron a sede social do Centro Gallego, que preside Francisco Solla, que foi fundado hai 60 anos, e que conta con máis de 1.200 socios, dos que a metade son galegas ou galegos. Trala visita á sede da entidade no centro da cidade, desprazáronse ata o centro de día para maiores dependente desa institución. Este centro de día comezou a súa andaina en 2005, e das súas instalacións benefícianse moitos galegas e galegos que emigraron hai anos á cidade.

 

Precisamente co obxectivo de cofinanciar as actividades que repercuten na mellora das condicións de vida do colectivo de galegos máis necesitados de asistencia en Mar del Plata, os mandatarios da Xunta e o presidente da entidade galega da diáspora asinaron un convenio de colaboración, dotado con trinta mil euros, que achega a Secretaría Xeral da Emigración. Con eles, o Goberno galego quere axudar a paliar as dificultades dos anciáns galegos residentes na zona e que se atopan en peores condicións socioeconómicas.

 

Unha vez asinado a acordo, a comitiva marchou ata as instalacións de recreo, unha extensión de tres hectáreas e media adquirida pola entidade no ano 1980 radicada nas aforas da cidade, e que conta con diversos servizos de lecer, deportivos e culturais. Alí se desenvolveu o xantar romaría que este ano presidiron Rueda e Miranda. Antes dese evento, vicepresidente e secretario xeral foron invitados pola directiva do Centro Gallego a inaugurar as novas instalacións postas en marcha recentemente no complexo.

 

Nas súas alocucións aos presentes, lembraron a importancia da unión para preservar a galeguidade, pero tamén para garantir a supervivencia e saúde das entidades que agrupan á diáspora, das que o Centro Gallego de Mar del Plata é exemplo senlleiro. “Na unidade de esforzos dos galegos de todo o mundo reside a forza coa que poderemos encarar as dificultades presentes”, segundo salientou o secretario xeral da Emigración en referencia á importancia da diáspora na saída á situación económica actual na Galicia territorial.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar