As nove convocatorias contra o axuste laboral reuniron en Galicia a miles de persoas

Concentración ante o Concello de Ferrol

Máis de 2.000 persoas secundaron as dúas manifestacións, por un lado de CC.OO. e UGT e polo outro da CIG, que se centralizaron en Ferrol para conmemorar o 10 de marzo, o Día da Clase Obreira Galega, e nas que se protestou polas políticas de axuste e o crecemento do paro e se reclamaron solucións á crise do sector naval.

O 10 de marzo recorda a Amador Rey e Daniel Niebla, dous traballadores da antiga empresa naval pública Bazán, en Ferrol, que faleceron por disparos da Policía en 1972, durante protestas laborais. Hoxe os sindicatos centraron os seus principais actos nunha bisbarra que rexistra unha taxa de paro do 28’5 por cento e na que a crise do sector naval, ante a falta de carga de traballo en Navantia, provocou o despedimento de máis de 2.000 traballadores de empresas auxiliares no último ano.

Neste escenario, representantes de CC.OO., UGT e USTG participaron ás 11.00 horas na ofrenda institucional que se desenvolve xunto coa corporación municipal do Concello de Ferrol –agás os edís do BNG– ante o monumento a Amador e Daniel.

Ao inicio do acto, escoitáronse algunhas protestas de participantes dirixidas ao rexedor ferrolano. Na súa intervención, José Manuel Rey Varela (PP), eloxiou a loita obreira por dereitos económicos e sociais porque «repercutiu na bisbarra» e agradeceu as mobilizacións do sector naval que «favoreceron a toma de decisións sobre este sector estratéxico».

Así, defendeu a «unidade de acción» institucional, dos axentes socioeconómicos, políticos e da cidadanía en xeral para «conseguir para todos un futuro mellor».

«SEIS MILLÓNS DE RAZÓNS»

ÁS 12.00 horas, iniciouse a mobilización de CC.OO. e UGT, que estivo encabezada por unha pancarta coa frase ‘Contra o paro, seis millóns de razóns’, e que coincidiu coas protestas da Confederación Europea de Sindicatos (CES). Arrancou no monumento ao 10 de marzo, no barrio do Inferniño, e finalizou ante o Concello na praza de Armas. Na cabeceira estiveron presentes os secretarios xerais en Galicia de CC.OO., Xosé Manuel Sánchez Aguión, e de UGT, José Antonio Gómez.

De feito, Sánchez Aguión recordou que «hai seis millóns de razóns e 300.000 en Galicia para dicir que esta situación cada vez é máis dramática e insostible» e que, cando «non hai ningunha familia que non estea afectada polo paro», «as políticas de axuste só empobrecen máis e levan a un túnel sen saída».

Ademais, denunciou a situación de «incerteza» que vive o sector naval e que podería xerar unha «situación sen saída». Así, reclamou o Goberno «que non xogue cos traballadores» e que «pase das palabras ás accións», tanto na carga de traballo coma na construción do dique flotante.

As protestas do 10 de marzo coincidiron coas mobilizacións celebradas en contra das políticas de axuste, unhas medidas que José Antonio Gómez acusou de «inútiles», «fracasadas» e «estériles», porque só traen «máis miseria, pobreza e desigualdade», como reflicten as cifras de paro. «300.000 persoas en Galicia dos que case 120.000 xa non reciben prestacións», resumiu.

Ante isto, pediu «políticas que impulsen o crecemento» e defendeu «un pacto económico e social na UE» para evitar que a recesión dos países europeos do sur se estenda «como unha mancha de aceite ao conxunto de Europa».

MEDIDAS PARA FERROL

Centrado na cidade departamental, criticou a «falta de resposta dos poderes públicos», que «miran para outro lado» a pesar de ter das «taxas de desemprego e exclusión máis altas de Galicia» e reclamou a Xunta e a Goberno central «políticas públicas para incentivar sectores estratéxicos».

«Se non é así, o conxunto da cidadanía vai botar a estes políticos a onde teñen que estar, na oposición,», advertiu o sindicalista de UGT.

Na manifestación tamén estiveron presentes traballadores da empresa eólica Alstom, de Ás Somozas, que acaba de anunciar o seu peche e o despedimento dos seus 63 traballadores.

15.000 EN TODA GALICIA

Dende UGT e CC.OO., cifraron en «case 15.000 persoas» as que participaron nas nove protestas — nas sete cidades galegas xunto a Burela e Vilagarcía– convocadas este domingo en Galicia. Serviron para esixir políticas que reactiven a economía e creen emprego, e rexeneración democrática.

Na capital galega, unhas 200 persoas manifestáronse pasadas as 12.00 horas baixo a chuvia dende a Alameda ata a Praza de Praterías.

Por parte de UGT-Santiago, Juan Carlos Fernández reclamou «unha carta social europea de verdade», ante a «permanente agresión ao Estado de Benestar»; e, por CC.OO., Juan Granados, pediu «rexenerar a democracia e dar un xiro á reforma laboral».

As protestas galegas deste domingo enmárcase nas máis de 60 manifestacións que houbo a nivel estatal como previa á xornada de loita europea que convocou a CES para os próximos 13 e 14 de marzo en todos os países da UE. Ademais, coincidindo co Cumio de Primavera producirase unha grande concentración de todos os sindicatos europeos en Bruxelas.

A CIG RECLAMA MÁIS SOBERANÍA PARA GALICIA

Pola súa banda, a CIG manifestouse en Ferrol baixo o lema ‘Nación e soberanía’, nunha protesta que se iniciou ás 12.30 horas na Avenida de Esteiro e finalizou ante o monumento ao 10 de marzo. Estivo secundada por preto de 800 persoas.

O seu secretario xeral, Suso Seixo, lamentou que a situación cada vez vai empeorar máis en vez de mellorar» debido a unhas políticas «que non están pensadas para beneficiar á maioría social senón a unhas minorías, os banqueiros e os especuladores», que «seguen tendo beneficios» cando «os demais só teñen máis pobreza e máis exclusión social». É por iso que avogou «pola mobilización» como resposta a esta situación.

En clave local, lamentou as «malas perspectivas» do sector naval e atribuíunas a que o PP en Galicia e no Executivo estatal «nunca quixo afrontar a situación do sector, porque sempre apareceron grandes plans de diversificación que nunca levaron adiante».

«O sector naval de Ferrol é punteiro e tería moitas posibilidades de ser competitivo na UE se tivese un apoio que non ten da Xunta e o Gobierno, observou.

Por outra parte, Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través dun comunicado, defendeu que a clase obreira galega segue loitando polos mesmos obxectivos que en 1972, entre os que citou «o dereito á negociación colectiva de ámbito galego», «condenada a morte» pola última reforma laboral. Así mesmo, advertiu dun «retroceso na calidade de vida e nos dereitos dos traballadores» que sitúan «a clase obreira preto dos niveis dos anos 80».

7.000 EN TODA GALICIA

Aínda que o de Ferrol foi o acto central convocado pola CIG, un ano máis, a manifestación máis numerosa foi a de Vigo, onde unhas 2.500 persoas –segundo o sindicato– reivindicaron os dereitos dos traballadores a «traballar» e «non a emigrar».

Precisamente, esta foi unha das reclamacións realizadas polas 200 persoas que percorreron este domingo as rúas de Santiago nunha marcha que tivo como lema ‘A clase obreira galega pola soberanía nacional e ou socialismo’.

En declaracións a Europa Press o secretario comarcal da CIG en Compostela, Anxo Noceda, cualificou de «dramática a situación laboral en Galicia» e, concretamente, na bisbarra de Compostela, onde «pouco falta para superar os 10.000 desempregados». «Unha de cada dez persoas da bisbarra está en paro», lamentou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar