O 061 atende unha media de 3.000 chamadas diarias

 

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a través da súa Central de Coordinación, atendeu 1.064.153 de chamadas ao longo do pasado ano o que supuxo una media diaria de preto de 3.000 chamadas. Ademais Urxencias Sanitarias de Galicia-061, no ano 2012, fixo un importante esforzo por impulsar a consulta médica apoiada polas novas tecnoloxías, coa posta en marcha, no segundo semestre do ano, do servizo multicanle do Sergas a través do número 902 077 333 e a consulta en liña a través da súa renovada páxina web. Así o destacou en rolda de prensa o director de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Félix Rubial Bernárdez, acompañado polo director de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, José Antonio Iglesias Vázquez, que fixeron balance da actividade prestada á poboación galega ao longo do pasado ano.

 
Félix Rubial, director de Asistencia Sanitaria do SERGAS

A consulta médica telefónica, a través dos números de teléfono 061 e 902 077 333, é un dos servizos principais da Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, xa que supuxo, no ano 2012, o 40 % das chamadas recibidas. Ademais, os datos rexistrados sobre a actividade do 061, desde os seus inicios, amosan que máis do 50% das demandas de asistencia sanitaria non requiren activación e mobilización de recursos, resolvéndose mediante consulta médica e información sanitaria. Tamén destacar que o tempo de espera para a atención de chamadas por consulta diminuíu ao longo dos anos, pasando de 1:32 minutos no ano 2008 a 58 segundos no ano 2012.

 

Atendendo a esta tendencia, grazas ao avance das novas tecnoloxías e aproveitando as vantaxes que a rede ofrece, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 apostou, no mes de agosto do pasado ano, por un servizo de consulta en liña a través da súa páxina web, http://061.sergas.es/ e do teléfono 902 077 333 de servizos multicanle do Sergas, utilizado tamén para acceder a unha cita médica de atención primaria ou para comunicar que non se pode acudir a unha cita no hospital. Esta idea ofrece un servizo tanto aos cidadáns como a profesionais sanitarios que desexen contar coa opinión dun compañeiro.

 

Os datos rexistrados dende a posta en marcha destes servizos reflicten que a Central do 061 xestionou 70.989 chamadas por consulta sanitaria o segundo semestre do pasado ano 2012. No caso das consultas sanitarias en liña realizadas a través da sua renovada páxina web, os médicos e enfermeiros da Central de Coordinación que habitualmente resolven as consultas médicas a través do número 061, contestaron 241 consultas, o que supuxo una media de 40 consultas mensuais.

 

Ante estes datos, o director de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde subliñou a importancia de chamar ao 902 077 333 co obxectivo de evitar desprazamentos innecesarios e, polo tanto, a saturación dos centros sanitarios, o que permitirá crear un clima de seguridade na poboación, a través deste teléfono que funciona as 24 horas os 365 días do ano para dar solución aos problemas sanitarios non urxentes. Animou, tamén, aos usuarios de internet a trasladar as súas consultas sanitarias non urxentes aos sanitarios do 061 a través da web http://061.sergas.es/.

 

Lembrar que a páxina web do 061, posta en marcha o mes de maio do pasado ano, cun deseño máis dinámico baseado nunha modernización da imaxe e adaptada a realidade tecnolóxica actual, recibiu 21.892 visitas no ano 2012, o que supón 89,72 diarias.

 

3.000 chamadas diarias

Os datos presentados esta mañá reflicten que a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 -constituída como centro operativo en Santiago- recibiu 1.064.153 chamadas ao longo do pasado ano, o que supón unha media diaria de 2.915 chamadas. A media mensual sitúase nas 88.679 demandas sanitarias. A distribución mensual das chamadas atendidas amosan que os meses de maior actividade foron os de verán e os de principio e final de ano, sendo o mes de agosto onde se rexistrou o máximo pico de chamadas atendidas con 97.720, seguido dos meses de outubro e febreiro con máis de 93.000 chamadas por mes.

 

A Central de Coordinación, constitúe o eixe básico de articulación do sistema de intervención en casos de emerxencia médica. É aquí onde se reciben as chamadas, analízase a información obtida e, se a urxencia o require, dende onde parten as ordes para a mobilización dos recursos móbiles cos que conta na actualidade a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

 

Así, das asistenciais sanitarias xeradas polo máis do millon de chamadas atendidas pola Central de Coordinación no ano 2012, o 40% resolvéronse sen mobilización de recursos e o 60% precisaron da mobilización dalgún recurso (visita domiciliaria de médico ou enfermeiro de Atención Primaria, transporte urxente e/ou emerxencias).

Destacar que dos servizos sanitarios atendidos polo 061 que se resolveron con mobilización dalgún recurso, o 53% atendéronse como emerxencias, o 36% como transporte urxente, o 10% como visita domiciliaria e un 1% como transporte secundario.

 

Mobilizacións

A mobilización de recursos referida ao pasado ano reflicte que en 614 ocasións foi mobilizado un helicóptero medicalizado, en 16.411 unha ambulancia medicalizada, en 230.423 unha ambulancia asistencial, en 10.095 unha ambulancia convencional, en 45.526 un equipo de Atención Primaria e, por último, nunha ocasión o helicóptero da Consellería do Medio Rural e do Mar.

 

Subliñar, tamén, que os recursos medicalizados, ambulancia e helicóptero, destacan na súa eficiencia na resolución da demanda, grazas tanto aos profesionais sanitarios especializados na asistencia de emerxencias sanitarias como ao equipamento e material do que dispón. É por isto que, no ano 2012, do total das asistencias realizadas polos recursos medicalizados, o 31,81% asistíronse no lugar e recibiron o alta no punto, o 55,56% rexistráronse como traslados ao hospital, o 12,40% como derivacións noutro recurso e o 0,23% como traslados a centros de saúde.

 

En canto as patoloxías máis comúns atendidas polos recursos medicalizados do 061 foron as alteracións da consciencia, que orixinaron 4.124 asistencias; os problemas respiratorios, que requiriron algún recurso sanitario en 1.796 casos; os accidentes de tráfico con 720 actuacións; a dor torácica na que en 2.733 ocasións acudiu unha ambulancia ao lugar do incidente, e as convulsións con 1.047 asistencias.

 

Programas especiais

Doutra banda, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 conta tamén con programas sanitarios dirixidos a actuar de xeito especifico e inmediato ante as patoloxías máis comúns e con maior incidencia de mortalidade na Comunidade Autónoma de Galicia.

 

Entre eles, atópase o Progaliam como programa pioneiro en España que mellora a atención ao infarto agudo de miocardio, e que, no ano 2012, rexistrou 783 traslados ás salas de hemodinámica para a realización de anxioplastias, das que 433 foron diagnosticadas primariamente polo persoal sanitario do 061. Dentro das patoloxías cardíacas, os datos do 061 rexistran que, durante o pasado ano, aplicóuselle o DESA a 332 pacientes, dos que 75 (23%) foron arritmias desfibrilables conseguindo recuperar a 16 deles. Pola súa banda, o programa Alerta Corazón contou o pasado ano con 35.339 pacientes inscritos.

 

Ademais, Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dispón, entre outros, do programa HADO; que garante a continuidade asistencial aos pacientes de Hospitalización a Domicilio fora do horario de atención ordinaria das unidades de HADO; e do de Alerta Escolar, que conta na actulidade con 1.874 nenos inscritos que sofren con patoloxías crónicas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar