Manuel Baltar declara un capital de 53 mil euros e dous coches

 Acceda AQUÍ á documentación

 

  O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar Blanco, dispón dun capital de 53.188,77 euros en Novagalicia Banco e dous vehículos, ao tempo que se está a construír unha vivenda unifamiliar en Esgos financiada cunha operación bancaria de empréstito con garantía hipotecaria por importe de 250.000 euros. Os datos son os primeiros feitos públicos por un presidente provincial en Galicia.

Así reflícteno as declaracións de bens e actividades que o presidente provincial presentou este venres na Secretaría Xeral desta institución, ás que achega a súa declaración do IRPF de 2011, copia da súa última nómina e acreditación documental do que percibe en concepto de trienios como funcionario da Xunta.

Segundo recollen estes documentos, os seus bens patrimoniais abranguen dous coches, un BMW X5 e un Volkswagen Beetle, e un depósito de capital de 53.188,77 euros. Así mesmo, ten dúas operacións de crédito pendentes de amortizar, unha para o financiamento do BMW X5, por valor de 9.347,23 euros co BMW Bank; e outra, de 250.000 euros e a interese variable con Novagalicia Banco para a construción dunha casa unifamiliar en Esgos, segundo el mesmo declara.

No último exercicio declarou unha base impoñible de IRPF de 68.821,84 euros, e unha cota líquida, resultante de autoliquidación, de 17.189,49 euros.

Así mesmo, na súa nómina de febreiro de 2013 reflíctese un importe bruto de 5.166,09 euros –líquido de 3.397,01 euros– e, ademais, percibe mensualmente, en concepto de trienios como funcionario da Xunta, 299,68 euros. Nas actividades que poden proporcionarlle ingresos económicos, ten un contrato de edición con Auga Editora para a publicación de ‘Falemos de Ourensanía’.

DECLARACIÓN COMPLEMENTARIA

Nunha declaración complementaria, Manuel Baltar puntualiza que está casado en réxime de gananciais e que é titular de 12 accións do Club Deportivo Ourense S.A.D..

Así mesmo, durante o ano 2012 ingresou 60 euros en concepto de axudas de custo por asistencia a plenos no Concello de Esgos e 99,23 euros en concepto de axudas de custo como vogal da comisión permanente da Fundación Democracia e Goberno Local.

Segundo recordou a Deputación de Ourense, esta é a primeira vez que un presidente desta institución fai pública a súa situación patrimonial, fiscal e económica.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar