Ourense: Baltar asina con Sogama un convenio para a compostaxe doméstica

Acto de sinatura, na Deputación de Ourense

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente de Sogama, Luís Lamas, formalizaron esta mañá na institución provincial ourensá un convenio de colaboración en materia de compostaxe doméstica ao que se adscribirán este ano nove municipios da provincia, incorporados dende o ano 2010 aos acordos de cooperación para a xestión delegada do servizo de recollida de residuos urbanos. Neste caso, os concellos elixidos serán aqueles que non quedaron cubertos pola campaña de compostaxe doméstico de 2010, por non estar adheridos, nese momento, aos convenios de cooperación coa Deputación, na xestión de recollida de RSU, sendo estes en concreto: O Carballiño, Castrelo de Miño, Punxín, Rairiz de Veiga, Ribadavia, A Rúa, Rubiá, A Veiga e Viana do Bolo.

 

Ambas entidades contan xa cunha longa traxectoria no ámbito da autocompostaxe. Non en van, o ente provincial incorporou ao seu programa, fai aproximadamente tres anos, a 47 municipios nos que se encarga da recollida de lixo. O éxito alcanzado apoia a estensión deste servizo a novos concellos na mesma situación que os anteriores, os cales se beneficiarán das vantaxes ambientais, económicas e sociais que trae consigo a compostaxe caseira.

 

A reciclaxe da materia orgánica en orixe, ademais de dar como resultado un abono natural de excelentes propiedades fertilizantes para o solo (xardíns, hortas e terras de cultivo), permite diminuír a frecuencia de recollida do contedor convencional, entregando menos toneladas de lixo a Sogama e, polo tanto, reducindo o importe da factura a pagar a esta entidade pública. Tamén, dende a perspectiva social, evítanse os continuos desprazamentos que a poboación do rural, polo xeral envellecida, debe realizar aos contedores, pechando  así o ciclo de aproveitamento dos restos orgánicos nos propios fogares.

 

Pero o programa, máis aló de contemplar o reparto de composteiros, reforzarase cunha ambiciosa campaña educativa e de formación ambiental para que os usuarios poidan levar a cabo a súa tarefa, desenvolvendo a técnica de fabricación de compost de forma axeitada e controlando todos os factores que poden incidir no resultado final.

 

Dotación orzamentaria e competencias

 

A iniciativa, dotada con 25.000 euros, será financiada a partes iguais pola Deputación de Ourense e Sogama, encargándose esta última da edición de material didáctico e divulgativo. Pola súa banda, o ente provincial responsabilizarase do control do desenvolvemento da campaña, asumindo a dirección e supervisión dos traballos realizados, participando nos labores de comunicación orientados aos representantes políticos e técnicos dos concellos participantes e supervisando os contidos a difundir nas correspondentes xornadas formativas.

 

Tamén asumirá o seguimento, xa que persoal especializado será o encargado de visitar casa por casa para comprobar o labor dos participantes, resolver dúbidas e corrixir erros. Esta tarefa considérase esencial de cara a alcanzar o obxectivo da actuación, que non é outro que o de obter un compost de calidade que cumpra con todos os parámetros recollidos pola normativa vixente para ser aplicado na agricultura con absolutas garantías.

 

Pola experiencia acumulada, confíase en que o proxecto teña unha boa acollida, toda vez que se trata de recuperar unha práctica tradicional en Galicia como é a separación dos materiais orgánicos para alimento do gando e/ou fabricación de compost. En todo caso, o proceso modernízase coa dotación duns recipientes axeitados que permiten unha operación máis hixiénica e controlada.

 

Dende o ano 2010, unha trintena de concellos de distintos puntos de Galicia adscribíronse ao programa de compostaxe doméstica impulsado por Sogama. O éxito alcanzado orixinou que algúns deles planeen estendelo a máis vivendas e outros soliciten adherirse ao mesmo. O fin: unha xestión máis eficiente dos residuos urbanos, pero co menor custo posible.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar