Feijóo compromete unha igualdade «plena e efectiva» no Dia Internacional da Muller

 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, renovou, hoxe, no acto institucional conmemorativo do Día Internacional das Mulleres, o compromiso da Xunta cunha igualdade plena e efectiva, cun Plan para a Igualdade entre mulleres e homes 2013-2015, dotado con 220 millóns de euros e con 320 actuacións.

 

Feijóo afirmou que esta planificación nace dun compromiso colectivo que o Goberno galego aspira a encabezar: conseguir unha Galicia equitativa, tolerante e respectuosa. “E nace, tamén, dun imperativo ético: a constancia de que, a pesar de que temos avanzado moito, aínda nos queda camiño por percorrer, especialmente en catro ámbitos: para facilitar a tan necesaria conciliación laboral e familiar; para promover a igualdade real no mercado laboral; para garantir a participación activa da muller en todos os ámbitos da sociedade; e para mellorar a gobernanza a favor da igualdade”.

Así mesmo, e no tocante á violencia de xénero, o responsable autonómico destacou as 91 actuacións e os 17 millóns de euros do Plan de igualdade para seguir gañando batallas na incansable loita contra os asasinatos machistas.

O mesmo obxectivo perséguese con outros instrumentos, como son o Observatorio Galego de Violencia de Xénero e o impulso á Rede de entidades locais contra a violencia de xénero, que se creou o pasado setembro ao abeiro dun convenio de colaboración entre a Xunta e a Fegamp. Nestes cinco meses que leva en marcha esta rede, xa se adheriron a ela 79 concellos de toda Galicia e o obxectivo é que ao longo deste ano a inmensa maioría dos concellos galegos estean adheridos.

Durante o acto, que tivo lugar na Casa de Padrón de Rosalía de Castro, Feijóo lembrou que en poucas traxectorias coma na da escritora galega podemos recoñecer mellor a gran lección que nos deron as mulleres que fixeron posible o rexurdimento feminino. “En poucos lugares como nesta Casa late con máis forza o sentido do Día Internacional da Muller. Estamos na casa dunha das nosas escritoras máis senlleiras, pero tamén na casa dunha muller. Dunha muller que sufriu nas súas propias carnes as mesmas dores que moitas outras da súa época, e unha muller que, en lugar de resignarse, empregou a súa obra para falar por todas elas. Para falar pola muller traballadora, pola muller labrega e polas mulleres viúvas dos vivos”.

O titular da Xunta resaltou que foron persoas como Rosalía as que derrubaron o muro que durante séculos escondeu o protagonismo feminino; as que reaccionaron contra unha realidade inxusta; e as que se propuxeron pasar dun pasado no que as mulleres estaban relegadas a espazos cada vez máis estreitos, a un futuro no que puidesen atopar unha canle adecuada para todas as súas inquedanzas e aspiracións.

Diante disto, o presidente galego avogou por seguir o seu exemplo e dignificar o seu legado aumentándoo; “porque non abonda –aseverou- con que recoñezamos os avances logrados por aqueles que nos precederon senón que ademais habemos traballar por completalos e aumentalos”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar