A Corporación de A Coruña esixe o mantemento da actividade da Fábrica de Armas

   A Corporación Municipal de A Coruña aprobou, en pleno, unha moción conxunta de todos os grupos políticos –PP, PSOE, BNG e EU-V– en defensa do mantemento dos postos de traballo da Fábrica de Armas.

Na moción, todos os grupos expresan o seu rexeitamento á decisión de General Dynamics de proceder ao peche desta factoría, ao tempo que solicitan a colaboración de Xunta e Goberno central para a continuidade da factoría en A Coruña.

«Non aceptamos as razóns de General Dynamics para tomar esta decisión», afirmou o voceiro do goberno local, Julio Flores, no pleno celebrado pola Corporación municipal.

Na súa intervención, recalcou tamén que «o obxectivo común é lograr a suspensión inmediata da decisión de pechar a Fábrica de Armas no prazo dun mes e a apertura dunha mesa de negociación para abordar un plan de viabilidade que garanta carga de traballo e o mantemento do emprego», afirmou.

O voceiro municipal avogou tamén por unha «unidade sen fisuras» para defender a súa continuidade. «O único responsable desta decisión é General Dynamics e todos os esforzos han de ir encamiñados a demostrarlle que a Fábrica de Armas ten futuro nas súas actuais instalacións», recalcou.

Mentres, a voceiro socialista, Mar Barcón, mostrou o apoio «incondicional» desta formación aos traballadores e ás «accións» que se leven a cabo en todas as institucións «fronte a General Dynamics», pero tamén ante o Ministerio de Defensa indicou ao reclamar o respaldo do Goberno.

Na mesma liña, os voceiros do Grupo Municipal do BNG e de EU, Xosé Manuel Carril, e César Santiso, respectivamente, demandaron a implicación do Goberno central para evitar o peche da factoría coruñesa.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar