Investigación interna do Concello de Santiago pola suposta falsidade de facturas

 

   O Concello de Santiago iniciou este luns a investigación interna para aclarar a suposta falsidade dunhas facturas utilizadas para a concesión de subvencións a asociacións de veciños, tal e como a pasada semana acordaron os tres grupos municipais.

Segundo informou o concelleiro de Participación Cidadá, Francisco Noya, na mañá deste luns deuse traslado da petición ao secretario do concello para que inicie os trámites. En concreto, o primeiro paso será nomear un «instrutor» para que realice as «dilixencias pertinentes». Francisco Noya sinalou que, en principio, este papel podería ser desenvolvido polo secretario municipal ou polo vicesecretario, dependendo das súas ocupacións, aínda que tamén podería ser nomeado outro funcionario se o consideran necesario, polo que evitou concretar canto tempo poderían durar as pescudas.

«Todo o que teña que dicir, figurará na investigación», indicou Noya, que rexeitou entrar en máis profundidade no caso e aclarou que a orixe da filtración destas facturas «tamén se determinará na investigación» en marcha.

Paralelamente, o concelleiro informou de que a partir deste martes o grupo de PSOE contará con acceso aos expedientes das subvencións, así como con permiso para poder fotocopiar a documentación, algo que os socialistas reclamaran.

Por iso, Noya destacou a «transparencia» da casa do concello, algo que, indicou, tamén se evidencia na investigación interna, que se acordou por unanimidade dos grupos. En particular, Francisco Noya recordou que, no caso Montebalsa, durante o bipartito local, os grupos do BNG e do PSOE rexeitaron abrir unha comisión de investigación municipal reclamada polo PP.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar