Marcha en favor da «soberanía» de Galicia como saída a corrupción

A manifestación parte da Alameda de Santiago

Varios centos de persoas manifestáronse este domingo en Santiago de Compostela pola soberanía de Galicia e en contra da corrupción política e económica, nunha protesta que encabezou o BNG xunto a diversas organizacións, sindicatos e movementos sociais.

Baixo o lema ‘Fronte á corrupción e a destrución social e cultural. Soberanía nacional’, manifestáronse este domingo polas rúas de Santiago, entre outros, BNG, CIG, Nos-UP, Causa Galiza, Fruga, Movemento pola Basee, Linga Estudiantil Galega, Comités, Candidatura do Povo, AMI, Briga, Isca! e CCPI.

Ao longo desta protesta, na que se podían ler pancartas como ‘Ruptura democrática, soberanía nacional’, houbo diversos cánticos reivindicativos como ‘Galiza ceive, poder popular’, ‘Menos corruptos, máis institutos’ ou ‘Independencia’.

En declaracións previas ao inicio da manifestación, o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, destacou que os galegos están «fartos da corrupción, desa elite económico e política que ten como único obxectivo saquear ás clases populares». «Ata aquí chegamos», agregou.

«Hai que castigar duramente, cousa que non está a acontecer, corruptores e a corrompidos, é necesario camiñar cara a unha rexeneración do sistema político democrático no que vivimos e, dende logo, camiñar nunha dirección totalmente diferente á que estamos a vivir», defendeu Vázquez.

Guillerme Vázquez participou nesta marcha acompañado de diversos membros do BNG, na que houbo diversas cabezas visibles da UPG como o voceiro parlamentario, Francisco Jorquera, ou a deputada Ana Pontón, xunto ao secretario xeral da CIG, Suso Seixo.

MANIFESTO

No manifesto que se leu ao final da marcha na Praza de Praterías, deixouse claro que «só hai un camiño» fronte «á corrupción e a destrución social e cultural», que «é o cambio de sistema» e o camiño cara á soberanía de Galicia.

Así, censuráronse as «políticas do capitalismo ultraliberal» en Galicia, ao tempo que se recriminou «a eliminación dos dereitos das mulleres» por parte dos «sectores máis conservadores».

Antes da interpretación do Himno Galego co que se puxo punto a final á manifestación, entre berros de ‘Independencia’, denunciouse a «represión xudicial e política» contra os movementos «que rexeitan este réxime».

Durante o transcurso desta marcha, que partiu da Alameda compostelana e concluíu na Praza de Praterías, fixéronse pintadas en entidades financeiras nas que se podía ler ‘Lume ao capital’.

NÓS-UP, «SATISFEITA» CON PRESENZA DO BNG

Pola súa banda, o líder de Nós-UP, Carlos Morais, mostrouse «moi satisfeito» da presenza de partidos como o BNG na manifestación deste domingo, pois «logrouse que unha parte da esquerda nacionalista que durante moitos anos apostou pola vía esgotada do autonomismo, finalmente, se sumase ás posicións históricas da independencia e da ruptura democrática con España».

«España é a nosa ruína e a única posibilidade para que Galicia poida ter capacidade para decidir e solucionar os seus problemas é que recuperemos a soberanía conculcada que perdemos hai moito tempo», sinalou Morais en declaracións este domingo.

A isto, agregou Morais que «o resultado desta manifestación» condicionará «o futuro inmediato da recomposición da esquerda nacionalista galega, o eixe central da cal pasa pola soberanía».

SEN ABRENTE, NIN ANOVA

Nunha protesta na que o BNG se manifestou xunto a diferentes partidos de corte soberanista como poida ser Nós-UP ou Causa Galiza, Guillerme Vázquez non quixo entrar a valorar a ausencia nesta xornada reivindicativa de sectores do Bloque como Abrente, a dúas semanas da Asemblea Nacional que decidirá o futuro da formación frentista.

De feito, Carlos Aymerich, que impulsa a corrente de Abrente no seo do BNG, aínda que destacou que non evita o debate soberanista que propugna a liña política imperante do Bloque, si marca diferenzas, con afirmacións como que tanto a acción social como a presenza maioritaria no goberno son condicións necesarias para a transformación social e a construción nacional».

A marcha tampouco foi secundada por Anova, aínda que Movemento pola Basee, integrada nesta organización política, si participou a título individual na protesta deste domingo.

Pola súa parte, este domingo, nunha entrevista concedida á Radio Galega, recollida por Europa Press, a voceiro do PP galego, Paula Prado, pronunciouse sobre esta convocatoria para considerar que o debate soberanista atopa «á marxe das preocupacións da cidadanía galega».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar