NCG Banco pechará este ano 131 oficinas, 49 en Galicia

 

   NCG Banco prevé pechar este ano un total de 131 oficinas, das que 49 están en Galicia, e chegar ao final de 2017 –cando remata o prazo do seu plan de reestruturación– cun total de 454 sucursais.

Nunha nota de prensa, o banco que preside José María Castellano indicou que inicia deste modo o programa de adaptación da súa rede comercial ao plan de recapitalización aprobado polas autoridades españolas e europeas. O obxectivo, sostén, é «mellorar a eficiencia e a rendibilidade da entidade», que é «unha das condicións polas que recibiu unha axuda pública de 5.425 millóns de euros» en decembro de 2012.

Deste modo, o plan pasa por pechar 131 sucursais este mesmo exercicio, das que 49 están situadas en Galicia e o resto noutras zonas de España ou do estranxeiro. Así, ao finalizar 2013, a entidade terá 662 sucursais, das cales 80 corresponden a EVO e 548 á franquía Novagalicia Banco, xunto cunha oficina en Madrid, así como en Barcelona, Bilbao e Xenebra. Súmanse tamén as oficinas de representación internacional.

O director xeral de Novagalicia, Juan Díaz Arnau, indicou que se pecharán este ano 18 oficinas na provincia de Ourense; 13 na de A Coruña; 12 na de Pontevedra; e seis na de Lugo. Así, quedarán 528 oficinas ao inicio de 2014.

Tras a aprobación do acordo laboral, recentemente asinado con tres dos sindicatos do banco, a entidade avanza no proceso «para fortalecer e mellorar a eficiencia do banco e a súa implantación en Galicia».

Pola súa parte, a rede de EVO «xa realizou a adaptación do seu número de oficinas ao tamaño axeitado para a súa rendibilidade e privatización», que se deberá executar no prazo de dous anos. «Cunha rede de 80 oficinas EVO alcanza a dimensión axeitada para ser rendible dende este ano e lograr o obxectivo da súa privatización antes de 2015», sostén o seu director xeral, José Luis Abelleira.

Ao peche de 2017, cando deberá estar culminado o plan de reestruturación de NCG Banco, a entidade terá unha rede de 454 sucursais de Novagalicia.

APERTURAS POLAS TARDES

No comunicado, a entidade sinala que, en Galicia mantén unha cota de mercado do 40%, polo que «apoiará a adaptación da rede coa apertura de 190 oficinas polas tardes» –un dos acordos logrados cos sindicatos dentro do ERE, que afecta a 1.850 traballadores–, así como coa existencia de oficinas a tempo parcial nas zonas con menor poboación e dúas oficinas móbiles para «evitar a exclusión financeira no territorio con maior dispersión poboacional de España».

A rede de Novagalicia «está presente na inmensa maioría dos municipios galegos, que suman o 90% da poboación» da comunidade, destacou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar