Rueda destaca a importancia da formación ante a continua evolución da Administración


O vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, inaugurou hoxe na EGAP o Curso para a obtención do diploma de directivos autonómicos e locais, nun acto no que destacou a importancia da formación deste tipo de persoal para poder adaptarse á continua evolución que está a vivir a Administración.

A Administración galega atopase inmersa nunha profunda reforma desde hai anos, coa aprobación de normas de extraordinaria importancia no tocante ao funcionamento da Xunta (Lofaxga) á xestión do patrimonio ou á xestión orzamentaria, e coa lei de disciplina.

 

Así mesmo, están en marcha proxectos emprendidos de dixitalización a través da sede electrónica, de simplificación da burocracia e da avaliación e racionalización do funcionamento da administración que seguirase estendendo nesta lexislatura coa próxima aprobación dunha Lei de racionalización da Administración.

Neste contexto de revolución e de cambio, os empregados públicos demostran as súas gañas de aprender e mellorar na prestación dos servizos aos cidadáns, coa súa participación neste curso cunha inscrición masiva -case o triplo das prazas ofertadas-.

Ademais, cabe resaltar o traballo que leva a cabo a Escola Galega de Administración Pública, que ten modernizado e mellorado o curso para poder convertelo nun instrumento axeitado para dar resposta as necesidades que as novas circunstancias lles marcan aos traballadores con vocación de servizo público.

Directivos autonómicos e locais
Os cursos para a obtención do diploma de directivos autonómicos e locais impartiranse na EGAP desde hoxe ata xullo e pretenden dotar as persoas destinatarias directas dos instrumentos e ferramentas de análise e de xestión necesarias para despregar ao máximo as súas potencialidades de liderado, implantar a cultura da calidade pública e a mellora continua e optimizar a satisfacción do usuario de servizos públicos.

Os contidos estrutúranse en tres módulos en torno aos tres tipos de actividades e responsabilidades do persoal directivo público: de análise estratéxica e toma de decisións, de xestión pública e de comunicación e negociación. O profesor do curso será o político e politólogo Jose Luis Barreiro Rivas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar