Galicia enteira vive o aniversario de Rosalía

 

   Centos de gaiteiros participaron este domingo en máis de 50 actos nas catro provincias galegas na chamada ‘Alborada para Rosalía’ –organizada pola Fundación Rosalía de Castro, Real Academia Galega, Universidade de Vigo e a Asociación de Gaiteiros Galegos– na que se conmemorou o 176 aniversario do nacemento da autora, nun 2013 no que se cumpren 150 anos da súa obra ‘Cantares Gallegos.

Os actos centrais desta xornada tiveron lugar en Padrón (A Coruña), onde se atopa a coñecida Casa da Matanza na que tivo lugar unha das numerosas alboradas deste domingo. Esta peza musical escrita pola propia Rosalía de Castro interpretouse tamén en lugares do estranxeiro como París, Cork (Irlanda) ou América.

Ao acto de Padrón, acudiu o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, quen destacou a celebración do «grande exemplo de Rosalía» e «a extraordinaria dimensión do seu legado», coa «confianza nunha Galicia que constrúe o seu futuro».

«A inmensa maioría dos cidadáns de Galicia sentimos un inmenso recoñecemento por quen levou a través da palabra escrita, como Rosalía, neustro espírito á mellor lírica da época contemporánea, tamén polo seu pensamento transformador en favor da igualdade de dereitos entre todos os seres humanos», subliñou Jesús Vázquez na súa intervención.

No acto deste domingo en Padrón participaron, entre outros: os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García; o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira; o director do Centro de Estudos Rosalianos, Xesús Alonso Montero; o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; o presidente da Asociación de Editores, Manuel Bragado; ou o vicepresidente dá Federación de Libreiros de Galicia, Antón Pedreira.

OFRENDA FLORAL EN SANTIAGO

A xornada de homenaxes a Rosalía de Castro arrancou este domingo cunha ofrenda floral celebrada na Praza de Vigo, en Santiago de Compostela — lugar de nacemento da autora de ‘Follas Novas’–, que correu a cargo do presidente da RAG, Xosé Luis Méndez Ferrín; o presidente da fundación rosaliana, Anxo Angueira; e o alcalde de Santiago, Anxo Currás.

En declaracións aos medios, o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, destacou «a alborada extraordinaria» que se interpretou ás 10.00 horas en Santiago, coa que se busca dar inicio á conmemoración do 150 aniversario de ‘Cantares Gallegos, que «marca á Galicia contemporánea».

Así, sinalou que a Fundación Rosalía de Castro busca «devolver a Galicia a súa dignidade» e quere facelo «con alegría, con ilusión e con alborada, que é algo moi simbólico».

«Nuns momentos político, sociais e económicos difíciles, Rosalía e a súa alborada creo que son un bo antídoto», recalcou Angueira en declaracións este domingo.

REXISTRO AUDIOVISUAL

Segundo explica a Asociación de Gaiteiros Galegos, a segunda parte desta homenaxe da ‘Alborada para Rosalía’ consiste en que todos os grupos gravaron e fotografaron as súas actuacións para pasar a formar parte dun arquivo audiovisual que se poderá ver en Internet.

Así as cousas, estes arquivos sonoros e visuais, que forman parte dunha iniciativa sen precedentes, poderá verse dende este domingo na web: http//rosaliadecastro.org.

MELLORAS DE CASA DA MATANZA

Por outra banda, segundo explica a Xunta, está prevista para o mes de decembro a reinauguración da Casa da Matanza, tras as obras de mellora, conservación e accesibilidade realizadas, ás que a Consellería de Cultura e Educación destinou 200.000 euros con cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa Feder.

Entre a modernización dos contidos que está previsto realizarse atopa a incorporación das novas tecnoloxías audiovisuais e servizos para os visitantes da casa na que Rosalía pasou os últimos anos da súa vida.

CONSELLEIRO DE CULTURA

 O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou na celebración do acto institucional conmemorativo do 176 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, a importancia do recoñecemento colectivo que Galicia brinda á obra e á figura rosaliana. Coa alborada celebrada neste Día de Rosalía na Casa da Matanza (Padrón) comezan os actos de celebración dos 150 anos da publicación de Cantares Gallegos, organizados –co apoio do Goberno galego e outras entidades– pola Fundación Rosalía de Castro, a Real Academia Galega e a Universidade de Vigo.

No acto participaron ademais os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente; así como o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, o alcalde de Santiago, Ángel Currás Fernández, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, o director do Centro de Estudos Rosalianos, Xesús Alonso Montero, o reitor da Universidade de Vigo, a vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, Salustiano Mato, o deputado da Xunta de Goberno da Deputación da Coruña, Santiago Amor, o presidente do Pen Club de Galicia, Luís González Tosar, o presidente da Asociación de Editores, Manuel Bragado, o director xeral da Fundación Barrié, Javier López Martínez, o vicepresidente da Federación de Libreiros de Galicia, Antón Pedreira, e a tesoureira da Asociación Internacional de Estudos Galegos, Elisa Fernández Rey.

 

“A inmensa maioría dos cidadáns de Galicia –afirmou Vázquez Abad–, sentimos un inmenso recoñecemento por quen levou a través da palabra escrita, como Rosalía, o noso espírito á mellor lírica da época contemporánea; tamén polo seu pensamento transformador, en prol da igualdade de dereitos entre todos os seres humanos”

 

O Día de Rosalía comezou cunha ofrenda floral ao pé do monumento que lembra onde naceu a escritora, na praza de Vigo, en Santiago de Compostela. Ademais, e por iniciativa conxunta coa Asociación de Gaiteiros Galegos, gaiteiras e gaiteiros de toda Galicia interpretaron unha “Alborada para Rosalía” en diferentes puntos do territorio galego.

 

Esta peza tamén se interpretou na Casa da Matanza onde se proxectaron tamén imaxes das alboradas realizadas esta mañá ao longo e ancho do país. Neste acto na casa de Rosalía en Padrón, ademais do conselleiro, personalidades de distintas institucións culturais, sociais e políticas de Galicia recitaron versos de Cantares Gallegos na honra da poetisa. Xesús Vázquez Abad pechou a súa intervención afirmando que “hoxe celebramos o grande exemplo de Rosalía, a extraordinaria dimensión do seu legado e, como ela moi probablemente desexaría, a confianza nunha Galicia que constrúe o seu futuro.”

 

O acto completouse coa presentación dos actos que se celebrarán no 2013 para conmemorar os 150 anos da obra máis recoñecida da poetisa, e coa actuación musical de Uxía e Sergio Tannus.

Coincidindo co final deste ano conmemorativo está prevista para o mes de decembro a reinauguración da Casa da Matanza, tras as obras de mellora, conservación e accesibilidade realizadas, ás que a Consellería de Cultura e Educación destinou 200.000 euros con cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013.

 

Deste xeito a Fundación ten previsto levar a cabo unha modernización dos contidos e do perfil da Casa-Museo´, así como incorporar novas tecnoloxías audiovisuais e novos servizos para os e as visitantes da casa na que Rosalía de Castro pasou os derradeiros anos da súa vida

Un dos eixos centrais deste ano conmemorativo será a exposición ‘O Cantar dos cantares’, que se organizará co patrocinio da Xunta de Galicia e o Concello de Vigo e coa colaboración do Consorcio da Zona Franca de Vigo.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Educación, impulsará nos vindeiros meses un completo programa de actividades en colaboración con diversas institucións e entidades culturais, co obxectivo de facer partícipe a toda a cidadanía galega desta celebración.

 

 

 

 

/

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar