Aprobado o Plan Xeral de A Coruña, plantexado a prol da mobilidade e as zonas verdes

 

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, aprobou de xeito integral o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) da Coruña, que se suma así a Santiago, Vigo e Lugo, as únicas grandes cidades de Galicia que ata hoxe tiñan o seu planeamento adaptado plenamente á Lei de Ordenación Urbanística de Galicia.

Así llo trasladou esta mañá o conselleiro Agustín Hernández ao alcalde da cidade herculina, Carlos Negreira, ao tempo que destacou que este municipio convértese na primeira cidade da comunidade autónoma que aproba o seu PXOM de xeito íntegro nunha única orde, posto que as anteriormente citadas obtiveron un visto bo parcial na súa primeira orde de aprobación. Hernández destacou o traballo intenso e colectivo realizado nos últimos cinco anos, no que participaron dous gobernos de diferente cor política pero co obxectivo común de ordenar a cidade e garantir así o benestar futuro dos veciños e veciñas da Coruña. Tamén salientou a total transparencia e gran participación cidadá coa que se levou a cabo.

 

 

Nunha rolda de prensa ofrecida tras asinar a orde de aprobación no consistorio coruñés, o conselleiro remarcou que un PXOM non é soamente un instrumento que garante a concesión de licencias, senón que constitúe a folla de ruta do crecemento sustentable no territorio municipal nos vindeiros anos.

Segundo Hernández, o plan garantirá a cidade que os veciños queren, protagonizada por unha rede de corredores verdes que conectará os principais parques e equipamentos da cidade, permitindo percorridos seguros e confortables para peóns, bicicletas e transporte público, e que posibilitará que todos os coruñeses teñan unha zona verde a menos de 300 metros do seu lugar de residencia.

Neste sentido, salientou que o novo PXOM habilita 3,6 millóns de metros cadrados de espazos libres e zonas verdes, máis do dobre que o plan de 1998, que reservaba 1,5 millóns de metros cadrados. A isto hai que engadir 1,13 millóns de metros cadrados de equipamento comunitario, que supoñen arredor dun 60% máis de superficie da esixida por lei. Estes dous aspectos tamén contribuirán ao obxectivo de atraer máis cidadáns, destacou Hernández.

Ademais, o planeamento que hoxe se aproba rebaixa un 25% as novas vivendas propostas respecto ao plan do 98, ao pasar de 43.326 no anterior a 32.424 no actual.

Engadiu que o plan contempla introducir o porto na cidade, unha vez que a actividade actual cambie de ubicación, para convertelo nunha zona atractiva e aberta a todos os cidadáns. Tamén primará a mobilidade segura, nunha urbe onde a conectividade para os vehículos tamén estará garantida grazas ás infraestruturas viarias, como a Terceira Rolda, que permitirá desconxestionar a cidade e facilitar o acceso desde o exterior, mentres que as novas actuación como o túnel do Parrote mellorarán a circulación no tráfico interno.

Amosouse convencido de que a mobilidade tamén dará un salto cualitativo coa implantación da estación de transporte intermodal, onde se conxugará o transporte en autobús, tren e alta velocidade, mentres que a existencia de intercambiadores facilitará os desprazamentos en transporte público, ao contar cun lugar específico para deixar o vehículo privado.

Segundo explicou o conselleiro, a aposta pola ordenación das infraestruturas en toda a área metropolitana, por vertebrar o territorio de forma sustentable, por cambiar o modelo e facer unha cidade máis agradable, habitable, acolledora, cómoda e de futuro, que permita mudar a forma de crecemento que tivo nos últimos 20 anos, configuran a esencia deste plan que rexerá o crecemento desta cidade durante, como mínimo, os vindeiros 12 anos.

«UN SALTO CUALITATIVO»
O conselleiro de Medio Ambiente trasladou a satisfacción da Xunta de Galicia por esta aprobación por un dobre motivo: ordena a cidade e ofrece garantías aos preto de 250.000 habitantes da Coruña, e por outra banda, Galicia dá un salto cualitativo importante, posto que coa incorporación deste concello máis do 40% da poboación galega xa dispón dun plan sostible e adaptado integramente á Lei de Ordenación Urbanística de Galicia.

Este plan é o número 67 dos adaptados á LOUG, logo da aprobación a pasada semana do correspondente ao municipio lugués de Láncara, e representa o número 32 dos PXOM aprobados desde abril de 2009 e o quinto que se aproba na actual lexislatura recén comezada.

Asegurou, neste sentido, que un dos retos da Consellería de Medio Ambiente é impulsar a tramitación eficiente dos planeamentos dos concellos galegos. Actualmente, o 87% dos municipios que non teñen o seu planeamento adaptado contan con axudas para a súa elaboración.

Recordou que para fomentar este impulso, o Goberno aprobou dúas ordes por un importe de 13 millóns de euros, destinadas unicamente á tramitación dos planeamentos. Actualmente hai 241 concellos que teñen aprobada algunha subvención para o planeamento, que no caso da Coruña, elevouse a 750.000 euros.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar