Ence suprimirá 144 empregos nos seus catro centros de traballo

 

   Ence anunciou aos representantes dos comités de empresa da compañía a necesidade de reducir «un excedente» de 144 traballadores nas súas plantas de Pontevedra, Asturias e Andalucía e nas oficinas centrais de Madrid, para compensar as reformas enerxéticas aprobadas polo Goberno.

Fontes de Ence en Pontevedra, onde a empresa conta con 350 empregos directos, indicaron a Europa Press que aínda non se pode concretar cantos dos 144 despedimentos afectarán á planta de Lourizán, xa que o proceso de negociación aínda acaba de arrancar.

Os traballadores da planta de Pontevedra foron convocados a unha asemblea o próximo martes por parte do Comité de Empresa. A dirección da empresa non fai a negociación sobre os despedimentos de forma individual con cada planta, senón a través dun comité intercentros, que contará con representantes de cada centro de traballo.

Ence indicou nun comunicado que a adopción desta «forte reestruturación laboral» ten como obxectivo «manter a competitividade nos mercados internacionais» tras os cambios lexislativos aprobados o 1 de febreiro polo Consello de Ministros.

Estes cambios «introducen duras e inesperadas medidas na retribución da enerxía renovable», afirma a empresa. En concreto, as medidas do 1 de febreiro consistiron na eliminación da opción de obter unha retribución de mercado máis prima para as renovables, así como unha nova actualización dos incentivos mediante IPC subxacente a prezos constantes, en vez de IPC.

Estas modificacións, sinala Ence, únense aos efectos da lei 15/2012 de medidas fiscais para a sostenibilidade enerxética, que terá un impacto negativo no resultado da empresa e que inclúe un novo imposto á produción eléctrica do 7%, entre outros gravames.

Ence está a traballar, ademais, na preparación dun novo marco laboral centrado na flexibilidade, con actualizacións salariais ligadas á produtividade e resultados, así como un aumento da xornada anual para gañar competitividade e eficiencia, engade.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar