Proxecto pioneiro para o uso do biogás nas granxas galegas

 

Os conselleiros de Economía e Industria, Francisco Conde, e do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, participaron hoxe na inauguración na Finca Mouriscade de Lalín dunha planta piloto de biogás que permite obter electricidade e calor a partir de residuos gandeiros, un proxecto impulsado coa colaboración do Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sostenibilidade Enerxética (Energylab) e a Deputación de Pontevedra.

Na súa intervención, Conde salientou que se trata dun proxecto pioneiro en Galicia, e o primeiro de España de pequena escala, axeitado ás características das explotacións da comunidade. Así, a planta servirá de referencia no sector gandeiro galego polo potencial económico e ambiental deste tipo de enerxía.

Neste sentido, Conde lembrou que unha importante porcentaxe dos concellos galegos dependen das explotacións lácteas, polo que cobran especial importancia aquelas medidas capaces de impulsar a modernización e incrementar a rendibilidade das empresas gandeiras desde o punto de vista do aforro e a eficiencia enerxética.

 

 

Durante o acto, no que tamén participaron, entre outros, o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e o alcalde de Lalín, Xosé Crespo, Conde resaltou, tamén, a importancia do proxecto desde o punto de vista da innovación, que ten permitido a adaptación de tecnoloxía avanzada ás especiais dimensións da planta.

Tratamento respectuoso e eficiente dos recursos gandeiros
Pola súa parte, a conselleira do Medio Rural e do Mar felicitou aos impulsores deste proxecto, posto que “nace cunha clara vocación medioambiental, para reducir o impacto na conca do Ulla, pero que ao mesmo tempo busca unha aplicación práctica nas explotacións gandeiras”.

Así, no marco da Estratexia 2020 deseñada pola Unión Europea para reducir as emisións de CO2, propostas como esta fan que se convertan nun bo exemplo para o tratamento respectuoso e eficiente dos recursos gandeiros, posto que reduce o impacto medioambiental do esterco como fertilizante.

Rosa Quintana salientou que a importancia do sector gandeiro en Galicia é incuestionable e por iso “estamos comprometidos co uso adecuado dos purins como recurso para a fertilización dos cultivos e pradeiras”. A valorizacion deste recurso, engadiu, debe facerse con arranxo ás boas prácticas agrarias e medio ambientais, minimizando os riscos que se puidesen xerar por usos abusivos ou a destempo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar