Adxudicada a reforma como fogar social do edificio Nova Boandanza na Coruña

O Concello adxudicou as obras de reforma do edificio Nova Boandanza, que se destinará a centro de día e fogar social na Agra do Orzán. O proxecto forma parte do plan Urbana C e conta cun investimento final de 1,16 millóns de euros.

O Executivo municipal sacou a concurso a remodelación do edificio Nova Boandanza mediante procedemento aberto, un proxecto ao que se presentaron un total de 38 propostas, o que evidencia unha vez máis a aposta do actual equipo de goberno pola transparencia e a igualdade de oportunidades entre empresas. As obras adxudicáronse a Construcciones Ángel Jove por 1.168.085,21 euros e están financiadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do plan Urbana C. O Concello logrou rebaixar o orzamento final dos traballos en 274.173 euros, o que supón un aforro do 19% con respecto ao proxecto de licitación. Este novo servizo situarase no centro Boandanza, propiedade de Cáritas.

As obras executaranse baixo a dirección do arquitecto municipal no prazo de seis meses, contados a partir do día seguinte ao da sinatura da acta de comprobación do replanteo, o que supón rebaixar en dous meses o tempo de execución marcado na licitación. O Goberno local logra cumprir o obxectivo de ter finalizados os traballos antes do 31 de decembro de 2013, prazo máximo que a Unión Europea marcou para materializalo.

O centro de día e fogar social na Agra do Orzán localizarase nun edificio de 823 metros cadrados, situado no número 15-17 da rúa Monasterio de Bergondo e que está composto de soto, baixo, catro plantas altas e unha baixo cuberta. O Concello utilizará este local de Cáritas, durante 35 anos, exclusivamente como centro de día e fogar social. O proxecto conta co apoio de veciños, comerciantes e entidades sociais que forman parte do Grupo de Acción Urbana (GAU) e do Ministerio de Facenda, a través da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar