Sanción a un camioneiro por conducir bébedo en sentido contrario pola AP-9

Axentes do subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra detiveron a P.V., de 57 anos de idade e de nacionalidade eslovaca, como presunto autor de dous delitos contra a seguridade vial por conducir de forma «manifestamente temeraria» e ir en sentido contrario pola autoestrada AP-9 e superar taxas de alcohol permitidas. Por estes feitos foille retirado o carné por un período de oito meses.
Os feitos sucederon o pasado día 15 cando varias chamadas de usuarios da autoestrada AP-9 alertaron dun camión que circulaba en sentido contrario, segundo informa o Instituto Armado.
Por iso, unha patrulla do Destacamento da Garda Civil de Tráfico de Vilaboa logrou interceptar o vehículo, marca Iveco, o cal circulara entre os quilómetros 137,5 e 134,4 en sentido Pontevedra polos carrís cara a Vigo, sen causar ningún accidente.
Por todo iso se procedeu á súa detención por un delito contra a seguridade vial e a realizarlle a proba de detección de alcohol, na que deu positivo.
O detido, que foi posto a disposición do Xulgado de Instrución número 2 de Cangas, foi condenado por estes feitos con catro meses de multa e privación do dereito de conducir vehículos a motor durante oito meses.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar